InicioSociedadeO acusado de tentar matar a súa muller nun hotel de Vigo...

O acusado de tentar matar a súa muller nun hotel de Vigo volve a xuízo tras anularse a súa condena

O TSXG estimou o recurso da defensa, no que se alegaba imparcialidade do tribunal. Fiscalía pide 12 anos por tentativa de asasinato e que indemnice á vítima con 15.000 euros.

PUBLICADO O

O cidadán portugués acusado de tentar asasinar a súa muller, á que golpeou cunha maza na cabeza nun hotel de Vigo en 2016, volverá sentar no banco dos acusados a partir do martes, na repetición do xuízo por estes feitos.

Carlos I.P. foi xulgado pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra en marzo de 2019, e o tribunal condenouno a 11 anos e 4 meses de prisión por unha tentativa de asasinato, coas agravantes de aleivosía e parentesco.

Con todo, a súa defensa recorreu a condena e cuestionou a imparcialidade do tribunal, xa que as maxistradas ratificaran ata en dúas ocasións a súa situación de prisión provisional.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso e anulou a condena, á vez que ordenaba repetir o xuízo. Esa repetición, con outros xuíces, terá lugar este martes e este xoves, na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

INTENTO DE ASASINATO

Os feitos polos que se xulgará a Carlos I.P. tiveron lugar o 2 de maio de 2016, nunha habitación dun céntrico hotel de Vigo, onde o acusado e a súa muller se aloxaban.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, Carlos sorprendeu a súa muller por detrás cando esta se estaba pondo crema no baño da habitación despois de ducharse. Golpeouna varias veces na caluga cun mazo de canteiro. Cando ela se caeu ao chan, o acusado púxose encima e, agarrándoa polo pescozo, volveu golpearlle a cabeza contra o chan. Finalmente, ela logrou zafarse e pedir axuda desde a porta da habitación.

Como consecuencia dos golpes, a vítima sufriu un traumatismo cranioencefálico e outras lesións, que lle deixaron diversas cicatrices, así como un cadro de tensión post-traumática.

PENAS

Por estes feitos, o ministerio público acúsao dun delito de asasinato en grao de tentativa, coa circunstancia agravante de parentesco, e pide que sexa condenado a 12 anos de cárcere.

Así mesmo, solicita que se lle prohiba achegarse ou comunicarse coa vítima durante un período superior en 10 anos á pena de prisión. Reclama que se controle esa medida mediante pulseira telemática.

Finalmente, en concepto de responsabilidade civil, reclama que indemnice a muller con 15.000 euros polas lesións físicas e psíquicas; e que abone 779,30 euros ao Sergas polos gastos da atención sanitaria á vítima.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...