Asime insiste na necesidade de que se abone a débeda contraída coa industria auxiliar para que regrese a Barreras

O secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia di que é condición para que se finalice o buque 'Evrima', encargado por The Ritz Carlton, ademais do barco xemelgo anunciado polo armador estadounidense.

Buque de Barreras a encargo da compañía The Ritz- Carlton Yacht Collection / © Miguel Núñez.

O secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón, insistiu na necesidade de que se abone “o 100 por cen” da débeda contraída coas empresas auxiliares para que, posteriormente, regresen ao estaleiro vigués Hijos de J. Barreras e se finalice o buque ‘Evrima’, encargado por The Ritz Carlton, ademais do barco xemelgo anunciado polo armador estadounidense.

En concreto, a crise do estaleiro causou que as empresas auxiliares (ás que se deben polo menos 25 millóns de euros) abandonasen o estaleiro que, ademais do barco para Ritz Carlton, tiña encargos para o Grupo Armas e para a armadora Havila. Precisamente, tras unha reunión mantida con representantes do BNG en Vigo, Mallón afirmou que confía en que os traballos encargados por estas dúas últimas empresas se executen.

Con todo, recoñeceu que a asociación “non ten certeza” de que o cruceiro ‘Evrima’ se vaia finalizar, aínda que confiou en que se execute. Tamén considerou que a “ninguén lle interesa” que Barreras non atope unha solución que permita manter a súa actividade antes do 2 de febreiro. En concreto, se o estaleiro non alcanza un acordo cos seus provedores antes desa data, entraría en concurso de acredores dada a presentación da solicitude de preconcurso realizada en outubro polo consello de administración.

De feito, Mallón indicou que a única información da que dispón Asime sobre a situación de Barreras refírese ao anuncio realizado por The Ritz Carlton sobre un acordo alcanzado cos donos do 75 por cento do estaleiro (a filial de Pemex, PMI, co 51 por cento dos títulos, e o grupo Albacora, dono do 24 por cento das accións) para tomar o control da empresa. Con todo, aínda non se fixo efectiva a falta da presentación dun plan de reestruturación por parte do armador.

Ademais, o secretario xeral de Asime puxo en valor que o BNG incluíse no acordo rubricado co Goberno a necesidade dun compromiso coa industria naval galega e asegurou que este feito pode favorecer as negociacións con CESCE.

En canto á situación das instalacións nas que operaba o estaleiro Factorías Vulcano, o secretario xeral de Asime incidiu na necesidade de que se destinen a fins de construción ou reparación naval, xa que, na súa opinión, outra opción suporía un “golpe” para o sector. De feito, sinalou que a empresa de reparación Vicalsa presentou un proxecto de reparación que Asime apoia e asegurou que nas instalacións do estaleiro se pode levar a cabo unha actividade que xere ata 1.000 empregos directos.

Así, Mallón afirmou que destinar o espazo do estaleiro a un almacén de colectores non xeraría a mesma actividade económica que a industria naval, sobre a que lembrou que só pode operar xunto ao mar. Ademais, advertiu de que Asime estará “pendente” da posición que tomen os membros do consello de administración do Porto de Vigo sobre a industria e afirmou que non se permitirá que non se dea resposta ás súas demandas ao aludir á necesidade de que o Consello de Estado autorice unha prórroga da concesión das instalacións.

POSICIÓN DO BNG

Así mesmo, o deputado o BNG no Congreso, Néstor Rego, incidiu na importancia do sector naval na economía galega e acusou a Xunta de non exercer as súas competencias en Industria a pesar da situación de Vulcano e Barreras. Así, avogou por unha intervención da administración pública nas empresas que garanta a súa estabilidade e sinalou que se instará ao Goberno galego a asumir a súa “responsabilidade” co sector industrial mediante unha iniciativa presentada no Parlamento de Galicia.

Respecto de Vulcano, Rego avogou por que non se “perda” a “oportunidade” de destinar as súas instalacións á actividade naval dado os postos de traballo que xeraría e comprometeuse a defender o sector.

Mentres, o deputado nacionalista remarcou a necesidade de atopar unha solución que permita evitar que Barreras entre en concurso de acredores ante a inminencia da data límite para que entre en liquidación e mostrouse preocupado pola “carga de endebedamento” contraída coa industria auxiliar.

Adicionalmente, incidiu na importancia de que non se limite a actividade de Navantia á construción militar e avogou por estendela á eólica mariña.