InicioEconomíaO BNG demanda unha fronte común social, política e institucional de defensa...

O BNG demanda unha fronte común social, política e institucional de defensa do naval

Vén de solicitar a Abel Caballero a convocatoria dunha reunión urxente e extraordinaria do Consello Social da cidade.

PUBLICADO O

O BNG rexistrou unha solicitude dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que convoque unha reunión urxente e extraordinaria do Consello Social da cidade, no que están representados partidos políticos, axentes sociais e económicos, para articular unha fronte común de defensa do sector naval.

Así o avanzou o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, quen sinalou que, ante a actual situación “crítica” dun sector “estratéxico” para a comarca, “é o momento de dar resposta en clave de cidade”, para esixir medidas tanto á Xunta como ao Goberno central.

O edil do BNG lembrou que a industria de construción naval e as empresas auxiliares chegaron a dar emprego a máis de 10.000 persoas e, na actualidade, apenas concentra 2.000 empregos. Como exemplo desa deterioración, aludiu á situación de Vulcano, liquidado e en “claro risco” de desaparecer como centro de actividade naval, ou de Hijos de J.Barreras, en proceso preconcursal, sen garantías sobre a súa carga de traballo ou sobre a súa continuidade.

Por iso, Xabier Pérez Igrexas demandou “que se dea resposta” partindo “dun amplo consenso social, político e institucional“, articulado no Consello Social da cidade, como xa se fixo en 2011 ante a “ameaza” do ‘tax lease’, tamén no sector naval.

“Que o Consello Social poña ao Concello á fronte desta reivindicación, e que se adopten os acordos necesarios para facer a mellor defensa do naval. Non podemos permanecer impasibles, porque Vigo, a súa comarca e o país non se poden permitir a desaparición deste sector”, sentenciou o concelleiro do BNG.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...