A impotencia dun veciño de Paramos tras agredir ao pirotécnico: “Cruzáronseme os cables”

A Fiscalía pedirá o ingreso en prisión do empresario, que comparece por segunda vez ante a xuíza de instrución.

J.B., un veciño da parroquia tudense de Paramos cuxa casa quedou destruída pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico, tentou agredir este martes a F.G.L., investigado por ese suceso, á súa chegada aos xulgados de Tui.

Pouco antes das 10:00 horas, o dono da pirotecnia La Gallega chegou ao edificio xudicial nun coche sen rotular da Garda Civil, esposado e escoltado por dous axentes de paisano. Cando camiñaba cara á porta do edificio, coa cabeza agachada, cuberta por unha carapucha e rodeado de gran expectación mediática, un home abalanzouse sobre el e tentou agredilo.

Axentes da Garda Civil e da Policía Local lograron bloquear o ataque, e impediron que Bugallo chegase a tocar ao detido, que pasou xa a disposición do xulgado de instrución número 1 de Tui.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Após o incidente, e en declaracións aos medios, este veciño explicou que, pasaba pola zona para facer unha xestión e, ao ver ao suposto responsable da explosión do pasado mércores, que arrasou a súa casa, perdeu os papeis e actuou levado “polo corazón”.

“Con todo, os primeiros días atopeime con el e non lle dixen nada, pero hoxe cruzáronseme os cables“, engadiu.

“IMPOTENCIA”

Este veciño explicou que a súa vivenda estaba “pegada” ao almacén clandestino que saltou polo aire o pasado mércores (e que causou a morte a un matrimonio e 37 feridos), e que quedou “destruída”.

Así mesmo, afirmou que “nunca” pensou que habería alí material perigoso, senón que tiña unha “sospeita moi pequena” de que podería ter material “pero non explosivo”, senón cartóns ou canas.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Este veciño, quen manifestou sentir “impotencia” após o ocorrido, reclamou que “se faga xustiza” e pediu á xuíza de instrución “que teña compaixón” dos afectados “que quedaron sen nada”. “Aínda por encima desta desgraza, temos que dar grazas que estamos aquí“, aseverou, e engadiu, dirixíndose aos xornalistas: “Non vos esquezades de nós”.

PASO A DISPOSICIÓN XUDICIAL

F.G.L. foi detido este luns por segunda vez, despois de que a Garda Civil localizase a pasada fin de semana dous almacéns ilegais de explosivos na parroquia de Baldráns, que sumaban máis de 1.600 quilos deste tipo de material.

Este empresario pirotécnico, que xa tiña condición de investigado polos supostos delitos de homicidio imprudente, danos imprudentes, lesións imprudentes e risco catastrófico na modalidade de risco provocado por explosivos e outros axentes, compareceu ante a xuíza o pasado venres. Naquel momento, a maxistrada deixouno en liberdade provisional coa obrigación de comparecer os días 1 e 15 de cada mes.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Após a detención do luns, polos supostos delitos de tenencia de explosivos e risco, pasou este martes de novo a disposición xudicial. Segundo avanzaron fontes da Fiscalía a Europa Press, o ministerio público pedirá o seu ingreso en prisión.