Vigo móstrase en Madrid baixo o lema ‘O fenómeno Vigo, non tentes explicalo, víveo”

Segundo celebrou o alcalde, Vigo "xa se converteu nunha cidade turística central", da que se fala en medios estatais e internacionais.

Abel Caballero en Fitur

O Concello de Vigo mostrará a súa oferta turística en Fitur baixo o lema ‘O fenómeno Vigo, non tentes explicalo, víveo’, nun acto que terá lugar no recinto feiral madrileño, na caseta de Galicia, ás 13,00 horas do xoves.

Así o avanzou en rolda de prensa o rexedor olívico, Abel Caballero, quen explicou que o concepto de “fenómeno” axústase ao ocorrido na cidade nos últimos anos, grazas a accións de promoción turística como a campaña do Nadal, a celebración da Reconquista, ou os concertos de verán no auditorio de Castrelos.

Segundo celebrou o alcalde, Vigo “xa se converteu nunha cidade turística central”, da que se fala en medios estatais e internacionais. En definitiva, volveuse “un fenómeno do que fala todo o mundo”.

Por iso, confirmou, a presentación da súa oferta en Fitur reflectirá atractivos como o Nadal, a Reconquista, o Entroido, O Marisquiño e, de maneira singular, as Illas Cíes, como espazo de atracción de visitantes e na súa vertente como aspirante a ser candidata a Patrimonio da Humanidade.