A área sanitaria de Vigo habilita 41 camas adicionais ante o incremento dos casos de gripe

11 atópanse no Hospital Álvaro Cunqueiro e 30 no Meixoeiro, ante a tendencia crecente de casos rexistrados.

Hospital Álvaro Cunqueiro dende a parroquia de Valadares / © Miguel Núñez.

A área sanitaria de Vigo habilitou 41 camas adicionais, das que 11 atópanse no Hospital Álvaro Cunqueiro e 30 no Meixoeiro, ante a tendencia crecente de casos de gripe rexistrados.

Esta actuación enmárcase no plan de continxencia contra a gripe, que se atopa activo e que foi presentado en outubro, segundo detallou a área sanitaria.

Así, apuntou que ese programa detalla que medidas se deben pór en marcha en cada circunstancia para axilizar os tempos de resposta e garantiu a atención nos centros de saúde.

Tamén sinalou que, desde novembro, se ereforzou o servizo de Urxencias do hospital cun médico, un enfermeiro, un celador e un auxiliar de enfermaría adicionais. Ademais, incrementáronse en dous os facultativos de Medicina Interna e engadiuse outro á área de Pneumoloxía.

PLAN DE CONTINXENCIA

Así mesmo, a área sanitaria explicou que o plan de continxencia contempla a coordinación entre os profesionais de Atención Primaria e os de Hospitalaria e aspira a minimizar o impacto da patoloxía. Así, busca dar resposta ás necesidades destes pacientes sen derivalos ao hospital, así como evitar brotes da enfermidade e prever cando se producirán.

Entre os obxectivos da guía tamén se atopan tentar que a atención a estes pacientes non inflúa no funcionamento dos hospitais e contemplar procedementos alternativos.

Adicionalmente, a área sanitaria viguesa lembrou que, aínda que a campaña de vacinación da gripe terminou en decembro, aínda existen doses dispoñibles de vacinas que se poderán aplicar en xaneiro.

Ademais, apuntou que se rexistrou un incremento no número de urxencias atendidas durante a primeira semana do ano, cando se alcanzou unha media de 418 atencións ao día. Con todo, afirmou que esta suba non se relaciona con casos de gripe, senón coa patoloxía propia deste ano.