A Policía detén dous veciños de Vigo por tráfico de drogas

A investigación iniciouse a mediados de decembro, tras ter coñecemento dun posible 'punto negro' na contorna das rúas Bueu e Moaña, no barrio de Coia.

Drogas e outros efectos intervidos a dous detidos pola Policía Nacional no barrio vigués de Coia, en xaneiro de 2020.. POLICÍA NACIONAL

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo unha muller de 30 anos de idade e un home de 23 anos, ambos veciños da cidade, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.

Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse a mediados de decembro, tras ter coñecemento a Policía dun posible ‘punto negro’ de venda de estupefacientes na contorna das rúas Bueu e Moaña, no barrio de Coia.

Como resultado do dispositivo de vixilancia, o 091 constatou a trasfega de toxicómanos que se citaban cun home e unha muller en diversos puntos da zona. Tras realizar un rápido intercambio, os ‘compradores’ e os supostos ‘vendedores’ separábanse, tomando medidas de precaución para eludir a acción das forzas de seguridade.

Unha vez detectados os presuntos traficantes, a Policía despregou un operativo para detelos, e o arresto produciuse a pasada madrugada, cando ambos chegaban a un punto para realizar unha venda de droga. Ao cachealos, os axentes atoparon 100 gramos de haxix e diverso diñeiro en efectivo.

Unha vez detidos e trasladados a Comisaría, comprobouse que ningún deles ten antecedentes policiais. Ambos, xunto coas dilixencias practicadas, foron postos a disposición do xulgado de instrución número 4 de Vigo.