Vigo faise co segundo premio da Lotaría de Nadal

O número 6.293, tamén con premio, vendeuse nas localidades pontevedresas de Tui, Vigo e O Porriño.

Sorteo de lotaría / Europa Press

O número 10.989, agraciado co segundo premio do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 1.250.000 euros á serie, deixou dous millóns e medio en premios na localidade lucense da Fonsagrada e en Vigo. O número foi cantado ás 11.31 horas no primeiro arame da sexta táboa.

En concreto, o número foi vendido na administración da rúa Policarpo Sanz, en Vigo, que despachou unha serie completa deste número, agraciada con 1.250.000 euros. Outro tanto vendeu a administración da Avenida de Galicia (Fonsagrada).

74.770 DEIXA GRANDES PREMIOS EN VIGO

O número 74.770, agraciado con outro dos oito quintos premios do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal e dotado con 60.000 euros á serie, repartiu algo máis de dous millóns de euros en varias localidades de Pontevedra, así como en Fene e en Mazaricos, na Coruña.

Case todos os premios deste número foron a parar a Vigo, concretamente á administración da Avenida das Camelias 110, onde se venderon 35 series, 2.100.000 euros en premios. Así mesmo, na provincia de Pontevedra, vendéronse décimos en Moraña, Cerdedo, Cangas, Lalín, O Porriño, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa. Dous décimos foron parar tamén aos municipios coruñeses de Mazaricos e Fene.

6.293 TAMÉN FOI AGRACIADO

Ademais, o número 6.293 resultou agraciado co segundo dos oito quintos premios do Sorteo, dotado con 60.000 euros á serie. Cantado ás 10.24 horas, no noveno arame da terceira táboa, quedou moi repartido por toda España e caeu en localidades das catro provincias galegas.

En concreto, vendéronse décimos deste número na cidade da Coruña, nas localidades pontevedresas de Tui, O Porriño e Vigo, en Padrenda e en Ourense cidade, e en Rábade e Guitiriz, na provincia de Lugo.

O Sorteo Extraordinario de Nadal reparte este 22 de decembro 2.380 millóns de euros en premios, e os agraciados co ‘Gordo’ recibirán 400.000 euros ao décimo, con 680 millóns de euros a repartir con este premio principal.

Os premios do Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal de importe inferior ou igual a 20.000 euros non estarán suxeitos ao gravame especial sobre os premios de determinadas lotarías, segundo os límites que fixou a Lei de Orzamentos Xerais do Estado do 2018.