InicioEconomíaVigo volverá ser "a escapada estrela" nesta ponte e no Nadal

Vigo volverá ser “a escapada estrela” nesta ponte e no Nadal

O sector avoga por impulsar iniciativas vinculadas á desestacionalización da demanda turística.

PUBLICADO O

Vigo volverá ser “a escapada estrela” nesta ponte e no Nadal en xeral para aqueles que optan por aproveitar estes días para facer algunha viaxe, segundo aseguraron desde o Clúster de Turismo de Galicia en relación á ocupación hoteleira. Desde o sector, avogan, mentres, por impulsar iniciativas vinculadas á desestacionalización da demanda turística.

Sobre a ocupación hoteleira nestas datas, desde o Clúster de Turismo de Galicia apuntan que “a evolución e os cambios nos hábitos dos viaxeiros fan que para o sector turístico sexa complicado aventurar ocupacións anticipadamente, especialmente nas pontes e escapadas curtas, xa que as reservas de última hora son moi habituais“.

Por iso, sinalan que para esta ponte de decembro “resulta imposible marcar unha porcentaxe de ocupación para o conxunto do territorio, máis aló dos datos que ofrecen as asociacións nas cidades máis grandes”.

Mentres, resaltan que esta ponte é utilizada sobre todo para o turismo urbano e de proximidade polo que se espera “que a maior parte dos viaxeiros sexan do mercado interior e de comunidades autónomas próximas, especialmente aquelas que prolongan a festividade ata o luns, 9 de decembro”.

Ademais, inciden no “compoñente meteorolóxico” á hora de que a xente se anime ou non a desprazarse. Sobre o mesmo, destacan que a previsión é “de tempo estable venres e sábado” o que favorecerá, recoñecen, “o goce da ponte”.

DESTINOS

De acordo cos datos achegados polo Clúster de Turismo e solicitados en distintas entidades, a Asociación Hostalaría de Compostela apunta “a unha ocupación de case o 50% para os hoteis e do 40% para as pensións nos días a ponte, mentres que Vigo e A Coruña esperan unha porcentaxe moito máis alta animada polo turismo de compras”.

Para o resto de decembro, a previsión na Coruña é máis moderada, cun 40% de ocupación prevista, mentres que no caso de Vigo esperan manter cifras de ocupación ao redor do 75% no conxunto do mes “e do 100% nos sábados de aquí o fin de ano“, apuntan desde o Clúster.

“O sector está moi satisfeito cos incrementos”, subliñan. E é que o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, César Ballesteros, asegura que en 2018, primeiro ano das luces do Nadal en Vigo, en decembro a ocupación hoteleira foi “dun 68% e este ano esperamos chegar ao 75%”.

Ballesteros, que asegurou que para venres, sábado e domingo a previsión é colgar o cartel de “completo”, incidiu en que a iniciativa de Vigo puxo “no mapa” á cidade, facendo que para turistas doutras localidades galegas ou de comunidades próximas sexa “apetecible” viaxar ata esta cidade.

“Para decembro os datos son excepcionais”, recoñece apuntando a un perfil de cliente familiar con nenos e que procede de Asturias ou de localidades próximas como Zamora, León, Valladolid ou Salamanca.

Pola súa banda, o presidente en funcións da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), Richard Huerta, asegura que no caso desta cidade trasladouse ao Concello da Coruña a necesidade de impulsar medidas vinculadas co turismo de congresos e de eventos, así como coas propostas deportivas.

“TIRÓN” DE VIGO

Desde o Clúster de Turismo sublíñase, así mesmo, que “desta atracción das luces de Nadal en Vigo tamén obterán tirón poboacións próximas que esperan ocupacións moi similares ás do ano pasado, ou mesmo Ourense, que tamén espera unha boa ponte grazas a este ‘efecto luces'”.

“Non en balde unha ducia de axencias de viaxes de Madrid, León ou A Coruña programan saídas do Nadal con parada nas Burgas”, apuntan desde a entidade que asegura que estas excursións non repercutirán no número de pernoctacións, pero si no movemento de viaxeiros.

Por outra banda, remarcan que hai moitos viaxeiros que optan por Ourense “para logo moverse pola provincia ou viaxar a outros puntos, atraídos polo termalismo ou pola Ribeira Sacra, o que permitiu que hoteis da cidade das Burgas estean a un 80% da súa capacidade ou mesmo máis, igual que algúns dos balnearios da provincia”.

TURISMO RURAL

En canto ao turismo rural, desde o Clúster de Turismo subliñan que tamén as casas rurais da provincia ourensá apuntan boas cifras de cara á ponte, “animados polas reservas de última hora que sitúan a ocupación ao redor do 50%, catro puntos por encima da porcentaxe media de ocupación que tiveron as casas de turismo rural galegas o ano pasado”.

A este respecto, afirman que “tradicionalmente a de decembro é unha ponte que funciona ben no ámbito das casas de turismo rural, que o ano pasado quedaron cunha ocupación ao redor do 46% e que este ano poderían estar preto do 50%”. Con todo, indican que se trata dunha ocupación que “queda moi lonxe das conseguidas por outras comunidades autónomas, con máis dun 80% de ocupación nestas datas”.

Desde o Clúster de Turismo afirman que este tipo de aloxamentos é o escollido polos viaxeiros “que buscan tranquilidade, desconexión e propostas vinculadas coa natureza“, engaden citando, ademais, iniciartivas como o Outono Gastronómico.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...