Suspenden a vista contra un irmán de Sinaí Giménez e outros acusados de narcotráfico tras o accidente dun avogado

Sinai Jiménez e varios familiares nun Pleno de Vigo © Miguel Nuñez

O xuízo previsto para esta semana na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, contra un irmán de Sinaí Giménez (coñecido como ‘rei dos xitanos’ de Galicia), Marino G.J., e outro seis acusados por narcotráfico, entre eles un exgarda civil, quedou suspendido debido á ausencia dun dos letrados defensores.

Así, tal e como confirmaron os membros do tribunal, o avogado dun dos acusados sufriu un accidente de tráfico e non puido comparecer, polo que o xuízo quedou aprazado ata a semana do próximo 2 de marzo.

Os feitos polos que sentarán no banco estes 7 acusados xa foron xulgados en 2017, e houbo condenas que oscilaron entre os 7 anos e medio e os 4 anos de cárcere. Con todo, o Tribunal Supremo anulou ditas condenas, por considerar que se vulnerou o principio de imparcialidade do tribunal (algúns maxistrados tiveron participación na resolución de recursos na fase de instrución) e ordenou repetir o xuízo.

A data para repetir a vista fora fixada para este luns, martes e mércores pero, a imprevista ausencia dun dos avogados obrigou a pospola.

A Fiscalía pide para Marino G.J. penas que suman doce anos de cárcere por ser cooperador necesario nun delito de tráfico de drogas, por integración en grupo criminal, e por tenencia ilícita de armas. Para o exgarda civil, Enrique P.M., pide un total de nove anos e medio de prisión, como autor dun delito de tráfico de drogas e outro de pertenza a grupo criminal; e para o resto de acusados solicita penas de cárcere que van desde o nove anos e medio ata o catro anos e medio de prisión.