O pleno da corporación municipal de Vigo aproba inicialmente o regulamento do transporte urbano

Tamén se aprobou unha modificación orzamentaria da Xerencia Municipal de Urbanismo de 1,6 millóns de euros.

O pleno da corporación municipal de Vigo tivo lugar este mércores / EP

O pleno da corporación municipal de Vigo avalou este mércores a aprobación inicial do regulamento do transporte urbano da cidade, que, a continuación, someterase a exposición pública. Posteriormente, deberá ser aprobado dun modo definitivo nun novo pleno.

En concreto, este regulamento foi aprobado cos votos favorables do Grupo Municipal Socialista e o rexeitamento de toda a Oposición. Na sesión, o portavoz do Grupo Municipal Popular, Alfonso Marnotes, apuntou a necesidade de clarificar os dereitos e obrigacións que comporta a prestación do servizo para facilitar a súa lectura por parte dos cidadáns.

Ademais, o portavoz do Grupo Mixto, composto por Marea de Vigo, Rubén Pérez, criticou que non se optou por unha fórmula público-privada para o servizo de transporte, como si se realiza noutras cidades. O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que no regulamento non se estableceron medidas como a ampliación do tempo de transbordo ou a gratuidade do servizo para menores de 14 anos.

Na sesión plenaria tamén se deu luz verde á aprobación inicial dunha modificación orzamentaria da Xerencia Municipal de Urbanismo de 1,6 millóns de euros. En concreto, foi aprobada co apoio do Grupo Municipal Socialista e a abstención dos demais grupos.

Esta modificación foi motivada por unha sentenza que obriga ao Concello a devolver os recursos que inicialmente a Comunidade de Montes de Cabral lle pagou por unha parcela. Tal e como detallou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, tras un proceso xudicial que considerou á entidade como a titular do espazo, o Consistorio deberá devolverlle o importe e os intereses (233.000 euros en total). Adicionalmente, o Concello deberá abonar 445.000 euros polas expropiacións da antiga cidade da xustiza.

A modificación orzamentaria tamén busca acometer a primeira fase dun paseo na avenida de Europa e outras actuacións no Casco Vello e o paseo do Lagares. Na sesión plenaria aprobouse ademais por unanimidade unha moción do Grupo Municipal Socialista para instar á Xunta a adquirir un inmoble do Casco Vello que rexistrou danos fas uns días e que se atopa xunto ao edificio no que o Goberno galego creará un albergue de peregrinos. A totalidade dos grupos municipais tamén reclamou ao Executivo autonómico 12 millóns de euros para reformar centros educativos.