Rueda acusa ao Goberno central de non cumprir coa automoción en Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que a casa de apostas que xerou un movemento de protestas en Redondela "cumpre" coa legalidade ao estar situada á distancia mínima que marca a lei da zona escolar onde se concentran tres institutos, un colexio, unha escola infantil e o conservatorio.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda / xunta.gal

O conselleiro de Economía, Empresa e Industria, Francisco Conde, asegurou que o Goberno central “incumpre os seus compromisos” co sector da automoción en Galicia, unha industria “estratéxica” para o Produto Interior Bruto (PIB) galego e o emprego de Vigo.

A xuízo de Conde, a agrupación de PSA e FCA –que dirixe a factoría de Vigo– pode situar ao grupo como unha referencia “a nivel mundial”. Con todo, urxe “abordar as necesidades da automoción” para potenciar a Industria 4.0 na Comunidade.

Así o manifestou o responsable do departamento de Economía este mércores no Pazo do Hórreo, á vez que destacou o desenvolvemento de novos modelos de vehículos, “unha realidade” que permite ao sector galego “estar na vangarda”.

Por este motivo, Conde aposta por “seguir impulsando o coche compartido, conectado, autónomo e eléctrico“, así como a procura da eficiencia enerxética a través do “investimento en I+D” para conseguir unha “Galicia máis verde e un vehículo 100% eléctrico”.

“PERDA DE 130 EMPREGOS”

Tamén respecto ao sector empresarial galego, a deputada socialista Noela Blanco preguntou ao conselleiro sobre os esforzos da Xunta para evitar que a empresa Naturgy prescinda do “servizo de atención telefónica en galego” que supón a “perda de 130 postos de traballo”, asegurou.

En resposta, Conde lembrou o “compromiso” da Xunta por “mellorar a situación do sector”, pero asegura que o Goberno galego “non ten facultades para adxudicar ou rescindir contratos”. Neste sentido pediu “prudencia” por parte dos socialistas á hora de establecer esas afirmacións.

Con todo, Blanco acusou á Administración autonómica de non tomar parte e non esixir “unha atención de calidade e na nosa lingua” á empresa. Todo froito dun “goberno esgotado, sen propostas”.

A xuízo de Conde, estas acusacións pretenden que a Xunta “non cumpra coa legalidade” e quere que se lle atribúan competencias que non lle corresponden. De todos os xeitos, aclarou que espera que “non se dilúa a galeguidade de Naturgy” e mantéñaa “como cando era Unión Fenosa”

CASA DE APOSTAS DE REDONDELA

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que a casa de apostas que xerou un movemento de protestas en Redondela “cumpre” coa legalidade ao estar situada á distancia mínima que marca a lei da zona escolar onde se concentran tres institutos, un colexio, unha escola infantil e o conservatorio.

En resposta a unha pregunta formulada polo deputado nacionalista Luís Bará no pleno celebrado este mércores, o número dous da Xunta indicou que, a pesar de que os informes técnicos din que o proxecto cumpre coa distancia mínima cos centros educativos, isto “non quere dicir que vaia  abrir”.

“Se a normativa está como está, hai que cumprila“, incidiu Rueda, que lembrou que a Xunta conxelou a concesión de novas licenzas en marzo deste ano e traballa na elaboración dunha lei do xogo que substitúa á actual, que está “obsoleta”.

Neste punto, manifestou que dita normativa, aprobada no 2008 durante a época do bipartito, “abriu a porta” á “simplificación” para a instalación de máquinas comecartos. Estas palabras motivaron a resposta de Bará, que afeou a Rueda que vinculase a proliferación de casas de apostas aos seus predecesores na Xunta.

“A ver se agora vai ser tamén culpa do bipartito a proliferación das casas de apostas pola regulación dos comecartos”, aseverou o deputado do BNG, que lembrou que o aumento das apostas, tanto en liña como presenciais, é un fenómeno do último lustro.