Máis de 300 persoas participarán no III Congreso de Prevención e Seguridade Industrial en Vigo

Este congreso pretende servir de punto de encontro para profesionais e empresas, para concienciar sobre a importancia da prevención de riscos laborais e a seguridade na industria 4.0.

Congreso Coxemar © Miguel Nuñez

Máis de 300 persoas participarán no III Congreso de Prevención de Riscos Laborais e Seguridade Industrial que se celebrará este xoves e este venres na sede de Afundación en Vigo, e no que unha decena de expertos abordarán cuestións como a automatización de procesos, a aplicación da realidade virtual á industria, a ciberseguridade, a formación gamificada, ou a responsabilidade penal na industria 4.0.

O foro está organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI), e a Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (APROSAL), e prevese a asistencia de máis de 300 participantes.

Este congreso pretende servir de punto de encontro para profesionais e empresas, para concienciar sobre a importancia da prevención de riscos laborais e a seguridade na industria 4.0. Así, daranse a coñecer ferramentas e opcións que ofrecen as novas tecnoloxías, a través de dez relatorios e dúas mesas redondas abertas.

O xoves, para abrir o encontro, Alberto Sainz (Mutualia) fará unha demostración do uso dun exoesqueleto para previr lesións. Ao longo da xornada, diversos expertos protagonizarán relatorios sobre a automatización de procesos e o papel dos equipos humanos, sobre a aplicación da realidade virtual ou o chamado ‘internet das cousas’ aos procesos industriais e a ciberseguridade.

Ademais, tamén este xoves, celebrarase unha mesa redonda sobre accidentes laborais en Galicia, a súa prevención, evolución e a normativa aplicable.

Na xornada do venres, abordaranse cuestións como a formación gamificada, cunha demostración a cargo de Cesc Garriga (Preven Control); a toma de decisións en situacións laborais de alto risco, as responsabilidades penais na prevención de riscos laborais, e o concepto de prevención na economía dixital.

Entre os relatores deste congreso destacan o fiscal delegado de sinistralidade laboral da Coruña, Luis Anguita; o presidente da Fundación Internacional OPR, Hans Horst Konkolewsky; a consultora Esther Torres; ou o experto en ciberseguridade David Marco.