Caballero mediará ante o Goberno para frear a crise de Barreras fronte á “lentitude” da Xunta

O persoal anuncia mobilizacións porque xa tivo "suficiente paciencia".

Reunion co alcalde e o comite de empresa de Barreras © Miguel Nuñez

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres que contactará co Goberno de España para que coopere na procura dunha solución á crise do estaleiro Hijos J. Barreras, a pesar de que nin Concello nin Executivo central teñen as competencias directas, e farao en vista de que a Xunta de Galicia está a ser “cando menos, lenta, reticente“.

Así o trasladou o rexedor olívico nunha rolda de prensa, tras manter un encontro co comité de empresa do estaleiro, e na que constatou que, a pesar da vontade de solución manifestada polos distintos axentes, o certo é que “isto non se resolve” e “o tempo xoga en contra“. “Eu non contemplo a desaparición de Barreras, pero o tempo pasa e pode entrar en concurso, que é unha situación indeseada”, manifestou Caballero.

Por iso, o alcalde anunciou que acepta “o encargo” que lle fixo o comité para liderar a procura dunha solución, e confirmou que pedirá ao presidente do goberno galego que convoque unha mesa con todos os axentes implicados (accionistas, armadores, Pymar e a propia Xunta), na que el mesmo se ofrece a cooperar como interlocutor co Goberno. “A Xunta é a que ten que tender pontes, e é imprescindible que actúe, de forma manifesta”, engadiu.

Pola súa banda, o presidente do comité de Barreras, Sergio Gálvez (UGT) explicou, en declaracións aos medios, que pediron axuda ao rexedor tras dar “un mes de marxe” á propiedade do estaleiro, sen que se comunicara unha “folla de ruta” para a empresa. “As competencias están transferidas á Xunta, pero todos estamos a ver que non é que se poña de perfil, é que está a arrastrar demasiado os pés”, aseverou.

FALTA DE “UNIDADE” NO CONSELLO

Gálvez confirmou que o persoal apenas dispón de información acerca das negociacións relativas a unha posible venda de accións ou outras alternativas, e que o comité percibe que “non hai unidade” no Consello de Administración.

En todo caso, o representante dos traballadores matizou que, polo momento, non hai información confirmada de que ningún dos proxectos no estaleiro se vaia a “marchar” e trasladou o seu convencemento de que, se hai “unha solución rápida e viable”, “os armadores van apostar” por Barreras.

Sergio Gálvez, presidente do comité de empresa de Barreras © Miguel Nuñez

MOBILIZACIÓNS

Por outra banda, Sergio Gálvez confirmou que os traballadores xa tiveron “suficiente paciencia” e que manterán un calendario de mobilizacións en próximas semanas. Así, prevense paros de dúas horas para os próximos martes e xoves, e convidou a traballadores das auxiliares a sumarse ás mobilizacións.

Na mesma liña, avanzou que os sindicatos están a estudar a convocatoria dunha manifestación, que podería ter lugar o 19 de novembro, aínda que a data “aínda non está pechada”.

Finalmente, Sergio Gálvez confirmou que os traballadores de Barreras, ata o momento, están ao día no cobro das súas nóminas, e lembrou que, se se cumpren as intencións da empresa de reactivar a actividade de forma “rápida”, “non sería lóxico” expor un Expediente de Regulación de Emprego. “De momento, iso non está sobre a mesa”, explicou.

INDUSTRIA DI QUE CABALLERO “CHEGA TARDE”

O titular do departamento de Industria, Francisco Conde, ve “sorprendente como o alcalde de Vigo chega tarde” aos acontecementos do estaleiro Barreras. Este venres, Abel Caballero asegurou que mediará ante o Goberno para frear a crise de Barreras dado que a Xunta é “lenta” e “reticente”.

“Estamos a traballar en contacto con todas as partes, co propio Goberno, ten toda a información; co comité de empresa, co estaleiro… para atopar ese plan de viabilidade. É sorprendente como o alcalde de Vigo chega tarde”, sentenciou Conde.

Así mesmo, mencionou a liña de préstamos aprobada este xoves polo Consello da Xunta, “apoiando á industria auxiliar para que poida afrontar esta situación mentres non se atopa o financiamento do cruceiro”.

“No financiamento da desviación que ten o custo do cruceiro de Ritz-Carlton é onde está o principal problema”, sinalou, antes de insistir en que a Xunta traballa “non a solución dun buque específico senón (en) como dar solución ao financiamento dese buque e ao mesmo tempo responder a toda a carga de traballo que ten hoxe en día o estaleiro, e a partir de aí a viabilidade de futuro”.

“O máis importante é o que pensan os accionistas: tanto Pemex, como García Costa e Albacora. E a partir de aí traballar nese financiamento”, concluíu.