Pontón ve con “preocupación” que “non se lle plante cara á extrema dereita” en Galicia

Aposta pola competitividade da automoción baseada en mellores condicións laborais e na innovación.

Ponton cos delegados de automocion © MIguel Nuñez

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou este xoves que a xunta electoral siga en Galicia o “camiño” do “branqueamento” da extrema dereita, ao permitir que un partido como Vox poida “irradiar” nos medios públicos o seu discurso “racista, xenófobo e antigallego”.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, tras participar nun encontro con delegados da CIG do sector de automoción, celebrado en Vigo.

Ana Pontón expresou a súa “preocupación” por ver que “non se lle planta cara á extrema dereita” e se permite o seu “branqueamento”, a pesar de que propón “a ilegalización do Parlamento de Galicia, da Xunta e dunha formación democrática como o BNG, polo simple feito de que defende os intereses dos galegos”.

“É inaudito que en Galicia se colabore nesa dirección, e que haxa unha resolución da xunta electoral que di que un partido que ten cero concelleiros, cero deputados e ningunha representación, teña que estar nos medios públicos para seguir irradiando o seu discurso racista, xenófobo e antigalego“, proclamou a portavoz nacional do BNG.

Segundo proclamou, “ao BNG non o van calar”, e volveu apelar ao voto nacionalista como única alternativa para que Galicia teña peso político no panorama estatal, para que se defendan os intereses sociais e, ademais, “se free” á dereita “nas súas múltiples versións”. “Estamos a poucos días de dar carpetazo ao pasotismo e a discriminación dunhas forzas inútiles para defender os intereses dos galegos”, sentenciou.

Por iso, convidou aos cidadáns a que voten “con orgullo de país” o vindeiro domingo, “concentrando” ese voto de país no BNG porque “serve para defender Galicia, os dereitos sociais e para pararlle os pés á dereita”.

Ponton reunida cos delegados de automocion © Miguel Nuñez

AUTOMOCIÓN

Pontón participou este xoves, xunto aos candidatos do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva e Xesús López, nun encontro con delegados de automoción da CIG.

Respecto diso, a portavoz nacional do BNG lembrou que este é un sector “estratéxico” que necesita “adaptarse” á nova realidade, á vez que advertiu de que “non poden pecharse os ollos” aos cambios que necesita a automoción porque pode ocorrer o que pasa agora no sector eléctrico”. “Non facer os deberes ten consecuencias”, apuntou.

Así, Pontón apostou por impulsar a competitividade desta industria cunha tarifa eléctrica galega, investindo en innovación e mellorando as condicións duns traballadores que sofren cada vez máis “precariedade”, en lugar de favorecer que se converta nun sector “low cost”.

Na mesma liña, Carme da Silva instou a non deixar “desfalecer” o sector pola “inacción” da Xunta e do Goberno central, e prometeu que se o BNG ten voz no Congreso a partir do domingo, vai “tirar” porque esta industria volva ser o “motor económico” que foi.