Gago e Guerra apostan por investir o 2% do PIB en I+D+i para crear empresas “competitivas”

Os candidatos populares indicaron o valor da innovación e o emprendemento como "unha esperanza" para os alumnos das universidades "en momentos coma estes que se ve preto unha crise económica".

O candidato do PP ao Senado por Pontevedra, Javier Guerra, coa portavoz da xestora do PP en Vigo, Teresa Cendón, e o candidato ao Congreso, Diego Gago.. PP DE VIGO

Os candidatos populares ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra Diego Gago e Javier Guerra destacaron este xoves a necesidade de que se invista un 2% do Produto Interior Bruto (PIB) español en Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) para que as empresas sexan “máis eficientes e competitivas”.

Así o sinalaron Gago e Guerra nunha visita á Universidade de Vigo, onde subliñaron a importancia da educación superior para que os mozos “se poidan desenvolver vitalmente e profesionalmente”. Neste sentido, defenderon a educación pública “de calidade”, sobre a cal dixeron que é “fundamental” orientala cara ás demandas laborais do futuro.

“É importante tamén aprobar unha lei de mecenado que axude a aquelas empresas ou particulares que queiran facer unha doazón dos seus beneficios á reinversión e á inclusión de novos procesos tecnolóxicos nas nosas empresas poidan ser favorecidos desde a Administración xeral”, apostilou Diego Gago.

Pola súa banda, indicaron o valor da innovación e o emprendemento como “unha esperanza” para os alumnos actuais das universidades españolas “en momentos coma estes que se ve preto unha crise económica”.