O hospital Álvaro Cunqueiro contará cunha nova consulta de Cefaleas

Imaxe da exposición sobre a Hemicrania no Álvaro Cunqueiro / XUNTA

O servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo reforzará a atención aos pacientes con hemicrania coa posta en marcha dunha nova consulta de Cefaleas, que xa nas próximas semanas estará operativa no hospital Álvaro Cunqueiro.

Así o confirmou este mércores o xerente da área sanitaria de Vigo,  Julio García Comesaña, na súa visita á exposición sobre esta patoloxía que acolle o hospital. A nova consulta, tal como indicou a Xunta nun comunicado, estará a cargo da doutora María Dores García Bargo e dirixirase especialmente á atención desta enfermidade.

Neste sentido, a exposición ‘Dálle Voz á túa Hemicrania’, impulsada pola Asociación Española de Hemicrania e Cefalea, busca promover a concienciación sobre a hemicrania, unha enfermidade que se estima padecen 4,5 millóns de persoas en España de forma ocasional.

“Trátase dunha mostra itinerante que permite achegar á sociedade a realidade da hemicrania a través de testemuños reais de pacientes e achegando datos actuais sobre a incidencia desta patoloxía neurológica en España”, explicou a Xunta.