O Parlamento insta o Concello de Vigo a autorizar a sinalización do Camiño na cidade

Toda a oposición critica ao PP o feito de levar esta iniciativa polo trámite de urxencia en campaña electoral.

sinais no camiño
Camiño de Santiago © Miguel Nuñez

O Parlamento galego aprobou, cos votos a favor de PP, Común da Esquerda e BNG, unha iniciativa dos populares coa que instan á Xunta a que se dirixa “novamente” ao Concello de Vigo para que este autorice a sinalización do Camiño portugués da costa no seu termo municipal.

O obxectivo, segundo subliñou a deputada do PPdeG Teresa Egerique na comisión de turismo da Cámara autonómica, é “evitar prexudicar aos peregrinos que fagan o percorrido”. Así as cousas, o seu grupo aceptou unha emenda de adición do Bloque e outra de Común da Esquerda.

Aínda que toda a oposición cuestionou que o grupo maioritario levase esta proposición non de lei polo trámite de urxencia á sesión deste mércores (ao vinculalo coa campaña electoral), tanto Común da Esquerda como o Bloque votaron a favor, mentres que PSOE e En Marea se abstiveron.

Por parte dos socialistas, Begoña Rodríguez Rumbo rexeitou “converter” o Pazo do Hórreo nun “pleno municipal”, ao entender que “é alí onde deben debaterse este tipo de cuestións”.

Dese modo argumentou a súa abstención, antes de apelar a que o Partido Popular e a Xunta “busquen o diálogo” co Consistorio vigués “onde o teñen que buscar”.

Mentres, o deputado Pancho Casal (do grupo mixto) ironizou con que “se (os populares) exponlle (ao alcalde, o socialista Abel Caballero) que sexa unha sinalización luminosa, igual chegan a un acordo”. “Poderían entrar nese nivel de ridiculez absoluta”, subliñou.

Desde as filas de Común dá Esquerda, Luca Chao tachou de “patético” e “esperpento” que o PP e a Xunta confronten co rexedor olívico “un día” con Rande, “outro” coas illas Cíes e neste caso co Camiño de Santiago.

“Cabería esperar máis responsabilidade”, espetoulles, antes de advertir de que o tramo en cuestión ten a “dubidosa honra” de ser a “única etapa urbana” de toda a ruta.

A nacionalista Noa Presas, mentres, afeou ao grupo maioritario a “batalla política co Concello de Vigo” en plena campaña electoral nun “intento de facer oposición desde o Parlamento”.

O BNG, dixo, comparte a visión de que é “ridícula” a actitude do Consistorio pero, segundo engadiu, “tampouco se exime a ridiculez da Xunta con este asunto”, tras “traer este pim, pam, pum a esta comisión”.

“MOI FRÍVOLO”

Egerique, na súa intervención, criticou as “trabas” de Caballero á sinalización, un asunto que cualificou como “prioritario”, e acusoulle de dicir “que a Vigo só lle interesaban as luces e que o Camiño é unha cousa de Santiago”.

“É moi frívolo. A Xunta leva dous anos reclamando a autorización e o Concello dá a calada por resposta“, reprobou, para sinalar que o “prexuízo” é para os peregrinos e os galegos en xeral, posto que “está a privar aos cidadáns de ter unha ruta en condicións”.

“Non ten que facer máis nada que deixarlle á Xunta colocar as mouteiras por onde pasa o Camiño”, concluíu.