InicioSociedadeCIG, BNG e En Marea esixen á Xunta cambiar o sistema de...

CIG, BNG e En Marea esixen á Xunta cambiar o sistema de gardas de Xustiza de Vigo

Eva Rodríguez, da CIG, explicou que a día de hoxe tanto funcionarios, como letrados, xuíces ou médicos forenses da Coruña e Vigo realizan gardas semanais que "impiden as horas de descanso mínimas establecidas dos traballadores".

PUBLICADO O

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e os grupos parlamentarios do BNG e En Marea instan a Xunta a “cumprir co seu deber” para que se modifique o sistema de gardas das administracións de xustiza da Coruña e Vigo, unha petición que os traballadores do ámbito reclamaron durante anos.

O sistema de gardas que rexe na Coruña e Vigo é único en España. Desde marzo de 2019 o resto de partidos xudiciais das cidades españolas, con máis de oito xulgados de instrución, está regulado por un sistema de gardas diario en lugar de semanal. A xuízo de Eva Rodríguez, da CIG, esta situación evidencia unha “discriminación considerable”.

Este mércores en rolda de prensa, Rodríguez explicou que a día de hoxe tanto funcionarios, como letrados, xuíces ou médicos forenses da Coruña e Vigo realizan gardas semanais que “impiden as horas de descanso mínimas establecidas dos traballadores”.

Para poder establecer gardas diarias, –que “mellorarían” as condicións laborais, un servizo “continuo e fluído” para a cidadanía e evitaría “a prolongación de detencións innecesarias”– é necesario que o Consello Xeral de Xuíces dos partidos xudiciais, o Ministerio de Xustiza e a Administración de Xustiza de Galicia presenten un “informe favorable” a esta proposta.

“Seguimos pendentes do informe favorable da Xunta”, engadiu Eva Rodríguez. Por este motivo, os grupos parlamentarios En Marea e BNG decidiron presentar unha “iniciativa en positivo” para instar o Goberno galego a remitir este documento.

“BLOQUEO POLÍTICO”

Pola súa banda, o líder de En Marea, Luís Villares, criticou o “incomprensible bloqueo político que impide a mellora da situación nas cidades máis poboadas” de Galicia e tampouco entende que “o grupo do PP rebatese que a Xunta non se decatou desta petición porque a reclamación non constaba”. Precisou que esta situación xa se debateu en comisión parlamentaria en 2018.

Sobre o mesmo, o deputado do BNG Luís Bará asegurou que “non hai motivo para que a Xunta non apoie” esta demanda e espera “non ter que volver traela ao Parlamento”. En todo caso, ambos os grupos pretenden emprazar ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a presentar o informe pertinente “no prazo dun mes”.

Para acabar coa “ignorancia manifesta” do Goberno galego sobre o asunto, Villares trasladou que enviarán á Consellería todos os documentos que aluden á modificación do sistema de gardas, así como o coñecemento que ten a Sala de Goberno sobre o asunto e a Xunta de Xuíces das cidades.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...