InicioVigo e contornaVigoO Tribunal Superior valida a legalización da 'Colina de Castrelos'

O Tribunal Superior valida a legalización da ‘Colina de Castrelos’

Entende que as modificacións integran a construción en contorna e elimínase o impacto paisaxístico. O alcalde Abel Caballero celebra a resolución.

PUBLICADO O

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou un auto no que dá por executada a sentenza que obrigaba á demolición total ou parcial do bloque de edificios coñecidos como a ‘Colina de Castrelos’, ao entender que as modificacións realizadas no inmoble permiten a súa legalización.

Este bloque, tamén coñecido como ‘O Pirocoto’, levaba anos inmerso en litixios desde que, en 1994, se anulou a licenza de construción polo gran impacto paisaxístico que supuña un grupo de edificacións situado no alto dunha elevación do terreo, xusto á beira da contorna do Pazo Quiñones de León (Ben de Interese Cultural).

Despois de varias sentenzas e recursos que foron desestimados, en 2006 os tribunais deron un prazo dun mes ao Concello de Vigo para que iniciase os trámites de demolición total ou parcial do conxunto. Dita instrución tamén foi recorrida.

Finalmente, en 2012, o Concello tramitou unha licenza para a legalización dese edificio, de maneira que se obrigaba á realización dunha serie de actuacións (eliminación dalgúns elementos arquitectónicos, repintado das partes altas do inmoble ou instalación dunha gran pantalla vexetal, entre outras) para que puidese reporse a legalidade urbanística.

REXEITA A DEMOLICIÓN TOTAL

Agora, o TSXG ditou un auto no que sinala que esas actuacións foron levadas a cabo, de maneira que a ‘Colina de Castrelos’ xa non é un elemento de impacto paisaxístico e queda integrada na contorna. Ademais, incide en que non procede a demolición total, posto que esa medida “xeraría un resultado disonante coa contorna actual, profundamente urbanizado e transformado” con respecto á paisaxe que había en 1994 (cando se anulou a licenza).

“Todos os informes técnicos e periciais acreditan que a edificación actual se adapta ao ambiente”, concluíu o alto tribunal galego, que recalcou que os incumprimentos detectados nos anos 90 quedaron “emendados” coas actuacións realizadas.

ALCALDE

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou a resolución do TSXG, que “dá a razón ao Concello” ao validar a licenza de legalización concedida durante o seu mandato “e sendo concelleira de Urbanismo Carmela Silva”.

O rexedor subliñou que este auto xudicial “é unha boa nova”, tanto para os veciños que habitan esas vivendas como “para a cidade”, porque queda “solucionado definitivamente” un problema urbanístico que Vigo arrastraba desde hai anos.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...