InicioSociedadeAprazado o xuízo contra os 13 empregados da cafetaría do Meixoeiro denunciados...

Aprazado o xuízo contra os 13 empregados da cafetaría do Meixoeiro denunciados por ameazas

Unha trintena de persoas, convocadas pola CIG, congregáronse este luns ás portas dos tribunais vigueses en apoio aos traballadores, e no marco dunha campaña "contra a represión sindical".

PUBLICADO O

O xulgado do Penal número 3 de Vigo suspendeu na mañá deste luns, debido á incomparecencia dun dos acusados, que se atopa hospitalizado, o xuízo contra 13 empregados da cafetaría do hospital Meixoeiro da cidade olívica, que foran denunciados por ameazas, coaccións e danos polo administrador do local no que traballaban.

Desta maneira, o xuízo, que estaba previsto para este luns, martes e mércores, renovarase os días 9, 10 e 11 de marzo do ano que vén.

Os feitos remóntanse a 2010, cando un empresario, administrador da mercantil Oh Vigo!, fíxose co contrato administrativo da cafetaría do Hospital Meixoeiro (porque a anterior empresa crebara) e subrogou os seus traballadores, aceptando as condicións laborais do último convenio, asinado en 2007.

O empresario sostén que non podía cumprir as condicións económicas dese convenio e, por ese motivo, suscitouse un conflito laboral por falta de pagamento de salarios e despedimentos de traballadores. A partir dese momento, en 2010, e segundo sostén a acusación particular, os acusados iniciaron unha serie de accións, “actos vandálicos” e medidas de “presión” coa finalidade de que o hostaleiro accedese ás súas peticións.

Segundo denunciou, entre 2010 e 2014 sucedéronse estes actos, como danos nas instalacións da cafetaría, colocación de carteis e adhesivos nos que se lle insultaba, pancartas no hospital e outros lugares e vías públicas, ameazas directas ou indirectas, concentracións diante da cafetaría (nas que instaban os clientes a non entrar) e mesmo danos no seu vehículo e o da súa muller.

PENAS

Por todo iso, o denunciante reclama que cada acusado sexa condenado a 2 anos de cárcere por coaccións, a outros 2 anos de prisión por ameazas, e ao pago dunha multa de 3.600 euros polos danos causados ás instalacións (mobiliario, fechaduras, circuíto de cámaras de vixilancia…).

Así mesmo, en concepto de responsabilidade civil, reclama o pago de indemnizacións que suman algo máis de 730.000 euros polos danos morais ao prexudicado, polos danos causados nas instalacións, polos danos causados polo lucro cesante e polo dano á imaxe comercial da empresa.

Pola súa banda, a Fiscalía tamén formulou acusación, pero cingue a responsabilidade dos feitos a tres dos traballadores (aínda que admite que puideron participar outros empregados non identificados), aos que imputa un delito de coaccións, un delito de danos e dúas faltas de danos.

Desta maneira, pide para un dos acusados un ano e medio de prisión, e o pago dunha multa de 120 euros; para un segundo acusado, solicita un ano de cárcere e o pago dunha multa de 1.080 euros; e para o terceiro, o pago de multa de 1.800 euros. Con respecto á responsabilidade civil, pide que os acusados paguen indemnizacións que suman uns 1.000 euros, polos danos causados no circuíto de cámaras de vixilancia da cafetaría.

MANIFESTACIÓN

Pola súa banda, unha trintena de persoas, convocadas pola CIG, congregáronse este luns ás portas dos tribunais vigueses en apoio aos traballadores, e no marco dunha campaña “contra a represión sindical”. Entre eles atopábase o concelleiro do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Nun comunicado, a responsable da Federación de Servizos da organización sindical nacionalista, Tránsito Fernández, lembrou que a CIG denunciou ante diferentes instancias que o empresario mantén “importantes débedas” con Facenda, a Seguridade Social e co Sergas, e atribuíu a denuncia penal, reclamando importantes indemnizacións, aos seus problemas de liquidez.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...