Ciudadanos Vigo constitúe este venres o seu novo comité de campaña

"Vigo é unha das agrupacións máis potentes que agora mesmo temos en Galicia", asegura Laureano Bermejo.

Gregorio García e Beatriz Pino / @grego_garcia en Twitter.

Ciudadanos Vigo constituirá este venres o seu novo comité de campaña local, despois de que a semana pasada catro dos sete membros da xunta directiva local presentasen a súa dimisión.

Así o indicou este xoves o secretario de organización de Ciudadanos Galicia, Laureano Bermejo, durante a presentación en Vigo da candidatura da organización laranxa pola provincia de Pontevedra de cara ás próximas eleccións xerais do 10 de novembro.

Neste sentido, Bermejo informou de que a nova xunta directiva viguesa formarase pasados os comicios electorais, polo que este venres xa se saberá quen estará á fronte deste comité de campaña ata que haxa unha directiva nova en Vigo.

Tamén quixo restar importancia á situación vivida polo partido na cidade olívica, sinalando que “só unha persoa (Gregorio García) saíu do partido”, mentres que as outras tres que dimitiron “fixérono por motivos persoais, por non ser capaces neste momento de levar a cabo tanta actividade da campaña”, pero continúan dentro da organización.

MEMBROS DA ANTERIOR DIRECTIVA

Por todo iso, destacou que na próxima directiva, que terá que ser votada polos afiliados, tamén estarán presentes algúns membros da directiva anterior, mesmo algún dos que dimitiu.

Vigo é unha das agrupacións máis potentes que agora mesmo temos en Galicia e o feito de que unha soa persoa decidise apartarse do camiño non significa que arrastre consigo aos centos de afiliados que hai na cidade”, sentenciou Bermejo.

Todo isto despois de que o pasado xoves catro dos sete membros da xunta directiva de Ciudadanos en Vigo anunciasen a súa dimisión. Entre eles o seu coordinador, Gregorio García, polo “descontento” coa “falta de dilixencia” da dirección autonómica, segundo explicaba nunha carta o propio García.

“Marcho porque a situación é insustentable. Ciudadanos Galicia converteuse nun instrumento para colocar e enchufar amigos”, lamentou García, quen tamén se deu de baixa no partido polo “declive da esencia moral da marca en Galicia” que, segundo el, “está a provocar a fuxida de militantes e de talento”.