InicioEconomíaA industria auxiliar negociará con Pemex "tomar o control" de Barreras

A industria auxiliar negociará con Pemex “tomar o control” de Barreras

A folla de ruta a seguir podería pasar por intercambiar parte da débeda que Barreras ten con elas (máis de 25 millóns de euros) por accións.

PUBLICADO O

A industria auxiliar afectada pola crise de Fillos de J. Barreras acordou unanimemente dar “un paso adiante” para desbloquear a situación e negociará con Pemex (accionista maioritario da empresa a través da súa filial PMI, com un 51 % dos títulos) para “tomar o control” do estaleiro, ben mediante a súa entrada no accionariado ou ben mediante a cesión de dereitos políticos para ter “capacidade de decidir”.

Así o trasladaron en rolda de prensa os representantes da plataforma de auxiliares acredoras, o letrado Alberto Rocha e o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, quen explicaron que Pemex mostrou “boa disposición” ante esta vía.

Segundo incidiu Mallón, esta “non é a solución preferente, pero é á que abocaron á industria auxiliar”, dado o bloqueo na situación, que desembocou nun escenario “inédito”, “similar a un peche patronal”. “As auxiliares non teñen interlocutores para avanzar nos proxectos, aos que poder dirixir as súas queixas ou propostas (…). Non é admisible, isto parece máis o escondite que unha xestión empresarial seria”, criticou o secretario xeral de Asime.

Así as cousas, as auxiliares decidiron este mércores nunha reunión pór sobre a mesa unha nova vía: “tomar as rendas do proceso” e “intervir para influír nas decisións”, o que, ademais, lles permitiría ter “un papel máis activo” no caso de que Barreras acabase entrando en concurso.

Nesa liña, expoñen constituírse en sociedade para iniciar a negociación e, como paso previo, remitirán a Pemex a próxima semana “unha carta de intencións” sobre a folla de ruta a seguir. Deste xeito, as opcións poderían ser, ben capitalizar débeda (intercambiando parte desa débeda que Barreras ten con elas e que ascende a máis de 25 millóns de euros por accións) ou ben negociar a cesión de dereitos políticos “con opción de compra” para poder ter voz e voto nas decisións do estaleiro.

CAPACIDADE PARA ACABAR OS BARCOS

A ese respecto, os representantes das auxiliares aclararon que estas empresas teñen capacidade técnica sobrada para terminar os proxectos de Barreras, pero “non capacidade económica” para asumir máis custos ou quitas sobre as débedas (no caso dalgunhas empresas, de máis de 2 millóns de euros).

Para estes plans, recoñeceu Alberto Rocha, é “imprescindible” contar coa complicidade do armador do principal contrato, Ritz Carlton, para acabar o cruceiro de luxo que está na bancada, “e o resto de barcos”, en alusión á carteira de pedidos do estaleiro, que ascende a máis de 800 millóns de euros.

“XENEROSIDADE” DOS ACCIONISTAS

Con esta proposta sobre a mesa, “a última bala na recámara”, Enrique Mallón pediu “xenerosidade” aos actuais accionistas de Barreras, porque “falta un capitán” no estaleiro e as auxiliares asumiron o compromiso de tentar sacalo adiante. “Hai que eliminar egoísmos, ou defensas numantinas das accións de cada un (…), non podemos encerellarnos en negociacións de cantidades desorbitadas, porque as accións de Barreras valen o que valen”, subliñou.

Así mesmo, o secretario xeral de Asime advertiu, con respecto ao grupo Albacora, aínda que sen nomealo, que non se pode estar nun consello de administración co 24,5 % das accións para facer “turismo industrial”. “Non vale o inmobilismo, cando invistes nunha empresa falo con todas as consecuencias. A solución que nós propomos podíana expor outros accionistas”, indicou, e advertiu de que “isto non é o monopoly, hai que ser serios e estar para os premios e recoñecementos, pero tamén para a xestión”.

Finalmente, Alberto Rocha admitiu que, a día de hoxe, seguen sen coñecer as contas de Barreras, aínda que “é evidente a insolvencia”, tras solicitar o preconcurso, e probablemente “hai un desequilibrio patrimonial, perdas acumuladas e fondos propios negativos”.

No entanto, e ante a posibilidade de que o estaleiro entre en concurso, este letrado puntualizou que “o concurso non ten por que ser a morte” ou liquidación de Barreras, senón que implicaría a entrada dun administrador “competente, profesional e neutral” que non teña “dobres intereses”.

Os representantes da plataforma de auxiliares insistiron en que “están en xogo mil empregos” e a supervivencia de numerosas empresas, e instaron ás entidades financeiras a manter “a confianza” no sector e ser “parte da solución” porque a caída do estaleiro pode ter un “impacto desastroso” tamén para elas.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...