InicioEconomíaA CIG urxe á Xunta unha mesa do naval porque o sector...

A CIG urxe á Xunta unha mesa do naval porque o sector “non pode esperar máis”

Pide o rescate público de Vulcano e un plan "de futuro" sen "especulación" para Barreras.

PUBLICADO O

A CIG urxiu este venres a Xunta a convocar a mesa do naval para buscar solucións á “grave” situación do sector na comarca de Vigo, e advertiu de que nin os traballadores dos estaleiros nin, sobre todo, os da industria auxiliar “poden esperar máis”.

No marco dunha concentración de delegados que tivo lugar fronte á delegación territorial da Xunta, os responsables de Industria e do naval do sindicato nacionalista advertiron de que este sector “non pode depender dos vaivéns dos empresarios”.

Así, o responsable da federación comarcal de Industria, Julio Fernández, alertou de que os dous principais sectores industriais en Vigo, automoción e naval, atravesan unha situación “grave”, e apuntou que a solución debe pasar pola intervención pública.

Na mesma liña, o representante do naval, César Rodríguez, advertiu de que “estes días se está xogando o futuro do sector”, e lembrou que, dos principais estaleiros da ría, “un (Vulcano) está pechado e o outro (Barreras) en preconcurso e sen saber cal vai ser a saída”.

VULCANO E BARRERAS

Con respecto a Vulcano, o portavoz da CIG reclamou a intervención pública para que a Xunta se faga coa titularidade da empresa e se garantan os empregos.

En canto a Barreras, César Rodríguez advertiu de que á CIG “non lle vale” un proxecto “especulativo” dun “fondo voitre”. “Ou hai un proxecto empresarial seguro, a anos vista, que asegure o emprego e a construción dos proxectos, ou a Xunta debe facerse coa titularidade”, engadiu.

Rodríguez denunciou que as administracións “avalaron” os empresarios que xestionaron “mal” estes estaleiros e agora “non pode mirar para outro lado”. Así mesmo, criticou que “se meteu diñeiro público” nesas empresas “sen ningún control”.

Por todo iso, esixiu “que se convoque dunha vez a mesa do naval”, que leva “anos pedindo”, nas que están representandos todos os axentes que poden achegar “solucións”. “Non pode estar este sector cada equis anos nunha situación que nos aboca á desaparición pola mala xestión duns empresarios”, proclamou.

Finalmente, advertiu da crise que atravesan tamén as empresas da industria auxiliar, cunha “avalancha de despedimentos masivos”, con expedientes de regulación de emprego “sobre a mesa”, e con “algunha empresa que xa pechou”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...