InicioPolíticaGalicia en Común denuncia que se produza un novo recheo en Bouzas...

Galicia en Común denuncia que se produza un novo recheo en Bouzas “pola porta de atrás”

Critican que se eluda o informe ambiental amparándose nun informe da Avogacía do Estado do 2012.

PUBLICADO O

Os candidatos de Galicia en Común (Unidas Podemos) ao Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino, denunciaron este xoves a “complicidade” entre Porto de Vigo, alcaldía e Goberno en funcións para amparar a ampliación dos terreos portuarios de Bouzas cun novo recheo, e criticaron que se pretenda dar luz verde a este proxecto “pola porta de atrás” e de maneira “irregular”.

Así, durante unha visita á zona de Bouzas, na que estiveron acompañados polo candidato por Álava e coñecido activista ambiental Juantxo López de Uralde, Yolanda Díaz vinculou esa “complicidade” e esa forma de actuar coas “vellas políticas do bipartidismo”.

Segundo advertiu, o Goberno de España (nunha resposta a Unidas Podemos) aceptou que o plan de usos do Porto non é un instrumento de ordenación urbanística, por tanto, a modificación que permite os novos recheos non require dun estudo de impacto ambiental. “É unha barbaridade, é volver ao século XX e dilapidar os dereitos ambientais. Non se pode falar de transición ecolóxica cando se están esnaquizando as rías”, sentenciou.

A candidata de Unidas Podemos por Pontevedra criticou tamén a “gran opacidade” coa que, ao seu xuízo, está a actuar a Autoridade Portuaria de Vigo e fixo un chamamento ao Goberno central para que “rectifique” a súa posición sobre o cambio do plan de usos.

Na mesma liña, Antón Gómez Reino lamentou que se queira usar unha forma “irregular” de “legalizar” estes recheos “pola porta de atrás”, sen informe ambiental, e trasladou o “compromiso” de Unidas Podemos de apoiar as demandas dos colectivos ecoloxistas que denuncian estes recheos.

LÍDERES DA “BATALLA ECOLOXISTA”

Pola súa banda, López de Uralde reivindicou que, nos últimos anos, Unidas Podemos “foi a forza que liderou a batalla ecoloxista” no Congreso dos Deputados, e lembrou, como un dos últimos exemplos, a declaración de Emerxencia Climática.

Así mesmo, reafirmou o seu compromiso de “continuar” esta loita, porque “o ecoloxismo non se di, faise”, e incidiu na importancia do “voto verde” nas próximas eleccións xerais, nun contexto de “crise ecolóxica de gran magnitude”.

Finalmente, o portavoz de Marea de Vigo-Son en Común, Rubén Pérez, lembrou que os recheos en Bouzas e noutras zonas da ría, como Rande, son unha “preocupación histórica da esquerda ecoloxista e os movementos sociais” da cidade, e pediu aos deputados que saian elixidos o próximo 10 de novembro que convertan esa cuestión en “prioritaria”.

“Nós tamén tentaremos que haxa unha sensibilidade municipal. Porque para estas cousas, Concello e Porto parecen de acordo. Para as responsabilidades polo accidente do Marisquiño non, pero para isto si”, engadiu.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...