InicioEconomíaPSA Vigo comeza a produción do Peugeot 2008, "selo de calidade e...

PSA Vigo comeza a produción do Peugeot 2008, “selo de calidade e eficiencia”

Feijóo valora este "paso adiante", que crea emprego, prosperidade e innovación na "España da desaceleración económica".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo fixo este mércores o lanzamento industrial do seu novo modelo, o Peugeot 2008, que inicia así a súa produción en serie, coa previsión de chegar ás 250.000 unidades ao ano.

Así o trasladou o director da factoría, Ignacio Bueno, nun acto que se celebrou na planta, no que estiveron presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o director do Proyect Peugeot 2008, Jérôme Vuillerme.

Ignacio Bueno subliñou que a planta de Vigo conseguiu facerse coa produción deste ‘todocamino’, que terá versión cento por cento eléctrica, ademais das de diésel e gasolina, grazas ao seu nivel de competitividade, e ao “compromiso” do persoal, os provedores, o Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG) e as administracións.

Así, o Peugeot 2008, que se monta no sistema M1, inicia a súa produción en serie cunha cadencia que alcanzará os 650 coches ao día en decembro, e que aumentará en 2020, ata chegar ás 2.300 unidades diarias e 250.000 unidades ao ano (o que suporá un 45 por cento do volume de produción da planta viguesa).

Ignacio Bueno subliñou, así mesmo, que a fabricación deste novo modelo está vinculada a 2.500 postos de traballo, e confirmou que, no mes de novembro, incorporaranse os 600 traballadores do segundo equipo do sistema 1, e a principios de 2020 e se o mercado responde, farano os operarios da terceira quenda.

COMERCIALIZACIÓN

Este SUV, cuxo prezo se coñecerá a finais de mes, empezarase a comercializar a finais de ano en España e, posteriormente, no resto de Europa. A súa fabricación suma unha cifra anual de negocio de 450 millóns de euros para os provedores galegos.

“Feito en Vigo é un selo de calidade e eficiencia indiscutible”, presumiu Ignacio Bueno quen, no entanto, chamou a “seguir traballando” para afrontar os “desafíos” futuros da planta de Vigo, na que, só nos últimos anos,  se investiron 600 millóns de euros.

Pola súa banda, Jérôme Vuillerme, quen cualificou o novo Peugeot 2008 como un vehículo “fenomenal”, destacou os elevados niveis de calidade, o “equilibrio” entre a funcionalidade e o deseño, e o “alto nivel tecnolóxico” co que conta este novo modelo. “Estamos moi orgullosos do resultado, pero esta aventura está lonxe de finalizar”, advertiu.

FEIJÓO

Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou o traballo dos operarios e dirección da factoría, así como dos provedores, á vez que recoñeceu que o grupo PSA “está a cumprir os compromisos adquiridos con Galicia”.

Feijóo celebrou que se trata un vehículo “con tecnoloxía galega”, que se deseña na comunidade e que supón “unha aposta sen precedentes por Galicia”, que consolida o emprego da planta e crea 1.200 novos postos, “na España da desaceleración económica”.

O presidente da Xunta comprometeu manter o apoio da administración autonómica ao sector da automoción, e fixo fincapé no coche eléctrico, para o que prometeu apoios “nos orzamentos de 2020”.

Finalmente, o alcalde da cidade, Abel Caballero, tamén eloxiou o “precioso” novo modelo polos seus niveis de calidade, seguridade, confort, etc., un produto froito de “anos de traballo, cooperación e tecnoloxía”.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...