Enfrontamento entre PSdeG e PPdeG polos festivos de Vigo

O pleno de Vigo aproba declarar festivo o martes do Entroido en 2020, ao caer San Roque en Domingo. O PP critica que non se teña en conta a "tradición" e non se pase o festivo ao luns 17 de agosto. Marea pide que se consulte aos cidadáns.

Entroido de xinzo de limia.
Entrido © Miguel Nuñez

O pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores, cos votos favorables de PSOE e BNG, declarar día festivo o martes de Entroido de 2020, que será o 25 de febreiro, e que adquire esa condición por coincidir en domingo a festividade local de San Roque.

O portavoz do goberno local, Carlos López Font, defendeu esta proposta como unha oportunidade de dar “un impulso” ás celebracións do Entroido na cidade olívica, e unha forma de favorecer a “conciliación” dos pais que “poden facer ponte” para celebrar o Entroido cos seus fillos.

Así mesmo, o edil socialista rexeitou a proposta do PP de trasladar ese festivo ao luns seguinte, o 17 de agosto, porque ese día “ninguén vai celebrar nada”. López Font, a este respecto, tachou aos concelleiros ‘populares’ de “tristes” por non apoiar que sexa festivo o martes de Entroido, cando os vigueses “si que van gozar”.

Mentres, o portavoz do PP, Alfonso Marnotes, insistiu en que o seu grupo só pide “o que xa se aprobou en pleno en 2014”, cando se trasladou a festividade de San Roque ao luns seguinte, á vez que lembrou que “as festas non as pon o alcalde ou o pleno, senón a tradición” e o martes de Entroido non ten tradición de celebración na cidade olívica. “Será festivo porque lle dá a gana ao alcalde, punto pelota”, concluíu.

CONSULTA CIDADÁ

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, lembrou que o Estatuto dos Traballadores contempla o traslado dos festivos que ‘caen’ en domingo ao luns seguinte. “Sería o lóxico e normal en calquera concello”, engadiu.

En todo caso, este concelleiro afirmou que “non sería mala idea” consultar aos vigueses sobre esta cuestión, dado que se realizaron consultas a través da web municipal sobre temáticas diversas, como a prohibición de fumar nas praias ou a data de aceso da iluminación do Nadal.

Na mesma liña, o edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, mostrouse favorable a que “se consulten este tipo de decisións” cos cidadáns, e axentes sociais e económicos. Así mesmo, valorou que se queira potenciar o martes de Entroido, pero apostou porque se apoie o Entroido na súa vertente tradicional, potenciando a figura do ‘merdeiro’ e a música popular.

Finalmente, a proposta do goberno local foi aprobada cos votos favorables de PSOE e BNG, o voto contrario do PP e a abstención de Marea de Vigo.