As enfermeiras de Vigo mobilizaranse o 16 de setembro polas “condicións de escravitude” que lles ofrece a Xunta

Alertan contra o aumento da precariedade e piden o fin da taxa de reposición e OPEs "dignas".

Enfermeiras contra a precaredade © Miguel Nuñez

O colectivo vigués ‘Enfermeiras sen cadeas’, con apoio dos sindicatos CIG, Prosagap e CC.OO. denunciou este xoves as “condicións de escravitude” do contrato de continuidade que lles ofrece o Sergas (e que tamén ofreceu aos médicos), e anunciou unha concentración de protesta para o próximo 16 de setembro, ante a dirección provincial de Sanidade, en García Barbón.

Segundo explicaron en rolda de prensa, lonxe de achegar estabilidade, o contrato que ofrece a administración, e que entrará en vigor este outono (con carácter voluntario), “precariza aínda máis” as condicións das enfermeiras eventuais, que son “moitas máis” das que admite a Xunta.

Unha das portavoces de ‘Enfermeiras sen cadeas’, Silvia Rouco, sinalou que a temporalidade afecta a un 40 por cento das enfermeiras en atención especializada e a un 28 por cento en atención primaria (moi lonxe das cifras do Sergas, que fala dun 80 por cento de estabilidade).

Protesta das enfermeiras do cunqueiro pola precaredade do novo contrato © Miguel Nuñez

Así mesmo, recalcou que o contrato de continuidade supón unha constante mobilidade das profesionais (que poden traballar “en dous ou máis centros”), pasar a ter 48 horas de traballo á semana; e ter un 40 por cento do seu horario mensual sen fixar previamente, para que sexa decidido de forma “discrecional” por parte da EOXI, en función das necesidades do servizo.

Silvia Rouco puxo o seu propio exemplo: 18 anos traballando no Sergas, asinou case 200 contratos dos que “só tres tiveron unha duración superior a tres meses”, 89 dos contratos foron de menos de 15 días, e só ten cotizados 11 anos á Seguridade Social. “Non hai horarios, vives pendente do teléfono, se rexeitas un contrato sanciónanche, non temos dereito a carreira profesional, …eu o que quero é estabilidade e non o que ofrecen agora”, denunciou.

Na mesma liña, Olga Martínez subliñou que, co rexeitamento ao contrato de continuidade, as enfermeiras pretenden deixar claro que non queren “ser cómplices da precarización do sistema público de saúde”, e incidiu que, á marxe das peores condicións laborais, esta medida terá repercusión nos pacientes porque non haberá unha continuidade no seu coidado. “O nivel de tensión é inhumano, estamos a pór en perigo o modelo asistencial (…) e as enfermeiras queremos acabar as nosas quendas coa conciencia tranquila”, sentenciou.

“MEDIDA ELECTORALISTA”

Por parte, a portavoz de Prosagap, Marisa Velicia, constatou que a oferta do contrato de continuidade é unha “medida electoralista” do goberno galego e un “intento de lavado de face” ante a situación de precariedade na sanidade galega e, especialmente, na área sanitaria de Vigo.

Enfermeiras sen cadeas © Miguel Nuñez

Así, lembrou que se ofreceron un centenar destes contratos, dos que ao redor dunha cuarta parte serán para a área viguesa, cando “hai máis de 12.000 enfermeiras nas listas de contratación”. Así mesmo, o portavoz de CC.OO., Javier González, advertiu de que o carácter voluntario dos contratos é “unha burla” ao pacto de contratación, porque non ten en conta os méritos dos traballadores.

Finalmente, Pilar Rodríguez, de CIG-Saúde, advertiu de que este modelo “abre a porta” a estender a precariedade a outros colectivos e a xerar prazas estruturais “nesas condicións de escravitude”. Por iso, insistiu, toda solución para a actual situación pasa, entre outras medidas, por “acabar coa taxa de reposición” e “convocar OPEs dignas” que cubran “realmente” todas as prazas necesarias.