O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este venres á Xunta de Galicia que reforme o proxecto do “minicentro de saúde” de Bouzas, presentado nas últimas horas polo conselleiro Vázquez Almuíña aos veciños, e que retome o deseño inicial, de maiores dimensións.
O rexedor olívico criticou o “cinismo” do Goberno galego por presentar este proxecto, “once anos tarde” (o Concello cedeu o chan en 2008), e coa metade de dimensión que o inicialmente previsto.
Por iso Caballero reclamou á Xunta que abandone a súa pretensión de facer un centro de saúde con 6 médicos e sen pediatra, e recupere a idea “do goberno de Touriño” dun centro de saúde con 12 médicos, un pediatra e unha traballadora social.
O alcalde advertiu de que, se se constrúen as instalacións tal e como foron presentadas, “a metade da poboación de Bouzas” verase obrigada a seguir noutro ambulatorio, “a catro quilómetros da súa casa”.
Pola súa banda, fontes da Xunta insistiron en que o proxecto que reclama Caballero é “inviable”, xa que as dimensións previstas non se adaptaban ao PEPRI, tal e como advertiu Patrimonio, e reiteraron que o centro de saúde proxectado se axusta á poboación que vai atender.
CRÍTICAS A FEIJÓO
Por outra banda, Abel Caballero respondeu ás críticas de Feijóo sobre a ausencia de representantes da Xunta nas últimas visitas de ministros do Goberno en funcións a Galicia.
Así, o alcalde olívico ironizou co feito de que “Feijóo esixe que os ministros lle avisen” das visitas. “Será polo que el me avisa a min, ao alcalde da cidade máis importante de Galicia”, proclamou.
A ese respecto, denunciou que o goberno vigués non foi convidado a actos como a presentación da Cidade da Xustiza ou a presentación do centro de saúde de Bouzas; ou que o presidente da Xunta “se presentou sen avisar” na procesión do Cristo da Vitoria.
“O que leva dez anos faltando ao respecto institucional esixe ao Goberno o que el non fai (…) Como pode recriminar a outros o que el leva dez anos facendo?”, preguntou Abel Caballero.