InicioCulturaO Marisquiño ultima os preparativos co 'Big Jump' e o fútbol 'freestyle'...

O Marisquiño ultima os preparativos co ‘Big Jump’ e o fútbol ‘freestyle’ entre as súas novidades

O festival terá lugar no paseo das Avenidas e na zona portuaria do centro de Vigo entre o 9 e o 11 de agosto.

PUBLICADO O

A organización do festival O Marisquiño ultima os preparativos para a celebración da súa edición número 19, que terá lugar no paseo das Avenidas e na zona portuaria do centro de Vigo entre o 9 e o 11 de agosto.

Nesta edición, na que os promotores do evento fan gala dunha reforzada seguridade (tras o accidente da edición pasada, no que decenas de persoas resultaron feridas ao afundirse un peirao durante a celebración dun concerto), O Marisquiño reforza a súa oferta gastronómica e incorpora novidades nas disciplinas deportivas, como o ‘Big Jump’, o ‘Football Freestyle’ ou o ‘salto Nissan’, dentro da súa proba de descenso polas rúas do Casco Vello.

Así, dentro da competición de Dirt Jump, incluirase a proba do ‘Gran Salto’ (Big Jump), na que os ‘riders’ máis atrevidos demostrarán a súa habilidade o domingo ás 20.15 horas.

Con respecto á disciplina de ‘Football Freestyle’, os gañadores da proba de Vigo representarán a España na gran final mundial, que se celebrará en novembro en Miami (EE.UU.). Entre os competidores presentes na cidade olívica destacan deportistas como Anto Sanz e Paloma Pujol (actuais campións de España desta modalidade).

A outra novidade, o ‘salto Nissan’, permite incorporar un atractivo máis á proba do tradicional descenso de bicis MTB polas rúas do barrio histórico de Vigo, que se celebra o domingo. Os deportistas terán que saltar sobre un coche ao final do descenso.

A programación deportiva do Marisquiño completarase coas tradicionais competicións de ‘skateboarding’, baloncesto 3X3 e BMX, e haberá tamén exhibición de ‘grafitis’, unha ampla oferta gastronómica e espazos comerciais (‘village market’).

E, coma cada ano, a música tamén terá o seu protagonismo no festival. Eric Bobo (de Cypress Hill), Kaixo, Jota Mayúscula, Niña Coyote eta Mozo Tornado, Awwz, Biznaga ou Ramiroquai DJ son algúns dos artistas que pasarán polos diferentes escenarios do Marisquiño 2019 ao longo de todo o fin de semana.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...