O grupo municipal Marea de Vigo-Son denunciou este martes o “incumprimento grave” dos requisitos recollidos nos fondos europeos DUSI por parte do goberno municipal, ao obviar a obrigación de fomentar a participación cidadá e dos axentes sociais nas devanditas iniciativas.
Así, este grupo fixo referencia ás dúas grandes obras previstas en Vigo con cargo a estes fondos, a reforma de Gran Vía e o soterramento do tráfico na Porta do Sol, e sinalou que as críticas dos veciños pon de manifesto que se incumpriu ese requisito.
Segundo sinalou o portavoz do grupo, Rubén Pérez, a participación cidadá “debe estar presente no proceso de redacción dos proxectos, no seu seguimento e mesmo na avaliación do cumprimento dos obxectivos marcados”, algo “inexistente” nas actuacións do goberno municipal de Abel Caballero incluídas no programa ‘Vigo Vertical’.
Marea de Vigo criticou que os proxectos non foron presentados ao tecido veciñal nin a comerciantes, nin se estableceron os mecanismos de participación e información que a propia UE marca: “actividades e actos públicos para o lanzamento do proxecto concreto, con asistencia aberta e difusión dos proxectos entre os axentes sociais que poden ser afectados”.
Ademais, engadiu Rubén Pérez, o propio proxecto ‘Vigo Vertical’ recolle que durante a execución das actuacións se terá en conta a opinión dos cidadáns, e crearase un comité de participación que se reunirá periodicamente, algo que non se cumpriu.