InicioCulturaBueu xa ten todo listo para unha nova edición do SonRías Baixas

Bueu xa ten todo listo para unha nova edición do SonRías Baixas

Tote King, La Pegaytina, Boikot,, Zoo ou La M.O.D.A., grandes nomes dunha cita que terá lugar do 1 ao 3 de agosto.

PUBLICADO O

A localidade pontevedresa de Bueu resta os días que faltan para unha nova edición do festival SonRías Baixas, que arrinca este xoves 1 de agosto unha programación musical na que destacan nomes como o do rapero sevillano Tote King, a rumba dos cataláns La Pegatina, os ritmos dos valencianos de Zoo ou os burgaleses La M.O.D.A.

A decimoséptima edición do Sonrías Baixas, cita xa consolidada entre a ampla oferta ‘festivaleira’ do verán galego, prevé manter a asistencia do pasado ano, cando 21.800 persoas achegáronse a Bueu durante o tres días dun festival que, ademais de concertos que van do hip hop ao punk pasando polo rock e o dub, ofrece un programa gastronómico que inclúe unha cata de viños dirixida polo vicepresidente da Asociación Galega de Catadoras, Antonio Portela.

Todo iso en pleno centro de Bueu, na comarca do Morrazo, con apenas 100 metros de separación entre a zona de acampada, a praia e o recinto de concertos, polo que pasarán unha vintena de grupos desde a noite do xoves ata a madrugada do sábado.

A valencianos Periferia Norte, capitaneados por JazzWoman, serán os encargados de abrir o festival na noite do xoves. Seguiranlles uns ‘clásicos’ dos festivais galegos, os bosníacos Dubioza Kolektiv, que volven a Bueu dous anos despois. Tamén repiten Zoo, outros habituais do verán en Galicia e que se atopan inmersos nunha xira tras a que se tomarán un descanso que os apartará dos escenarios durante unha tempada.

Outros que se despiden, aínda que de forma definitiva, son Nave, a banda da Estrada que este ano pon punto e final a case tres lustros de traxectoria. Eles serán os encargados de pechar a primeira xornada do SonRías.

LA M.O.D.A. E TOTE KING, PRATOS FORTES DO VENRES

La Maravillosa Orquesta Del Alcohol, tamén coñecidos como La M.O.D.A, e o rapeiro sevillano Tote King son os pratos fortes da programación do venres. Antes da noite, Ambigüo, Som do Ghalpom e Hakuna Takana ambientarán a tarde.

A partir das 20,00 horas, Nius de Nit abre os concertos no escenario Super Bock, polo que pasarán o dúo navarro Iseo & Dodosound antes de dar paso á M.O.D.A., que volven a Galicia apenas 10 días despois de protagonizar a noite grande as festas do Apóstolo, en Santiago de Compostela.

Tras eles será a quenda de Tote King, unha das referencias do rap español desde hai dúas décadas. De feito, este 2019 cúmprense 20 anos do álbum debut do grupo La Alta Escuela, no que, acompañado de Juaninacka, Juanma e Dj Randy, o mc do barrio da Macarena iniciou unha carreira que ten como última referencia o disco ‘Lebron’, publicado hai un ano.

Tras o hip hop de Tote King chegará “o cóctel de ritmos” dos cataláns Muyayo Rif, con máis dunha década de carreira ás súas costas e que serán os encargados de pór o broche á madrugada do venres.

SÁBADO: BOIKOT, LA PEGATINA E DAKIDARRÍA

Para o sábado, a organización do festival se reserva unha “chorprecha” para abrir unha sesión vermú na que a voz combativa de Sés, outra coñecida do certame, subirase á o escenario Fest Galicia, a marca creada pola Xunta de Galicia para promocionar o territorio galego como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade social.

Tras a sesión matinal haberá unha paréntese de cinco horas ata que a música volva soar sobre o escenario Super Bock. Os primeiros en subirse a el serán Boikot, a veterana banda madrileña con tres décadas de percorrido. O punk e o hardcore dos vascos Segismundo Toxicómano continuará a noite en Bueu antes de recibir a La Pegatina, a banda catalá con acento galego que nos seus 16 anos de vida se converteron nun dos grupos máis internacionais da música estatal.

O último lugar para os grupos de este SonRías 2019 será para un dos ‘clásicos’ dos festivais galegos, Dakidarría; mentres que Ninhodelosrecaos dj -alter ego de Rubén Sierra, voz e guitarra La Pegatina- será o encargado de pór o fin de festa para o festival.

IMPACTO ECONÓMICO DE 1,14 MILLÓNS DE EUROS

Así as cousas, a organización do SonRías espera na súa decimoséptima edición, canto menos, igualar os resultados do pasado ano, nos que lograron un impacto económico de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, segundo un estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela.

O festival rexistrou unha ocupación media superior ao 85% durante o tres días, nos que Bueu recibiu 21.000 visitas. O estudo tamén sinala que o perfil medio do público foi o dunha muller de 18 a 24 anos, galega e estudante que acudiu ao evento en grupo atraída principalmente pola programación musical.

A falta de menos dunha semana, Bueu prepárase para converterse un ano máis nun dos ‘epicentros’ da festa en Galicia nun dos fins de semana con maior oferta de lecer na comunidade.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...