O Goberno galego minimiza a investigación da Comisión Europea sobre as axudas a PSA en Vigo

O vicepresidente da Xunta di que se trata dun "procedemento ordinario".

PSA Citroen
PSA Citroën / © Miguel Nuñez

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que o anuncio da Comisión Europea respecto da apertura dunha investigación para analizar o plan para conceder 20,7 millóns en axudas á planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo é un “procedemento ordinario”.

Preguntado este martes tras participar nun acto en Vigo, Alfonso Rueda insistiu en que se trata dunha “comprobación ordinaria” que leva a cabo a Unión Europea (UE) para verificar “se os fondos están ben investidos”. Deste xeito, o Goberno galego minimiza a investigación de igual xeito que fixo a compañía.

En concreto, estudarase se a adxudicación cumpre coas normas europeas sobre axudas de Estado con finalidade rexional. A ese respecto, Rueda incidiu en que o proceso non ocasionará “ningún problema”.

Así mesmo, remarcou que este apoio económico contribúe á fixación dunha produción “estable”, así como a que se “asegure a carga de traballo” e, como consecuencia, o “emprego” na fábrica viguesa da empresa.

En concreto, o Goberno central notificou en 2017 a Bruxelas a intención de conceder as axudas á planta para o seu proxecto de investimento de 500 millóns de euros en novas liñas de produción destinadas ao lanzamento de novos vehículos, así como en melloras do proceso produtivo da fábrica.

Previamente, fora a Xunta de Galicia a que trasladara ao Executivo central o dossier procedente da planta, no que se abordaba o proxecto.

A Comisión Europea investiga a concesión de case 21 millóns de euros á planta de PSA en Vigo