InicioVigo e contornaVigoPara Ana Pontón, a negativa de Caballero en darlle un grupo municipal...

Para Ana Pontón, a negativa de Caballero en darlle un grupo municipal ao BNG “non é presentable en termos democráticos”

Tamén defende que é necesario "separar" os asuntos do BNG de Vigo das negociacións na deputación de Pontevedra.

PUBLICADO O

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu este domingo “separar” a situación do seu partido no Concello de Vigo das negociacións que o Bloque está a levar a cabo co Partido Socialista no ámbito da Deputación de Pontevedra.

Así o indicou Pontón nunha entrevista en Radio Nacional de España, recollida por Europa Press, tras as declaracións do concelleiro nacionalista vigués, Xabier P. Igresias, que esta semana advertiu que un impedimento do PSOE para crear un grupo municipal propio do BNG faría “moi difícil” que se alcance un acordo entre ambas as formacións na Deputación de Pontevedra.

Neste sentido, Pontón asegurou que o que está a pasar en Vigo “non é presentable en termos democráticos”. “Por moito que haxa un grupo socialista que teña un apoio moi importante da cidadanía, iso non pode significar esmagar ao resto de concelleiros”, lamentou, polo que pediu ao alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, “que non utilice a maioría como un rodete” e que non se dean “prácticas antidemocráticas”.

Con todo, a pesar de criticar a actitude “moi soberbia” de Caballero, avogou por “separar” os ámbitos de decisión. “Unha cousa é o que pasa no concello e outra é o debate e o mandato das decisións nacionais do BNG”, subliñou Pontón, tras explicar que a súa organización política tratará de negociar para “avaliar a participación” nas administracións provinciais por mandato do seu Consello Nacional, despois de ser preguntada sobre se a situación en Vigo imposibilitaría o apoio do Bloque a Carmela Silva.

CATOIRA

Entre outras cousas, Pontón referiuse a a situación do Bloque en Catoira (Pontevedra), onde abriu un expediente e suspendeu preventivamente da militancia ao tres concelleiros nacionalistas por “desatender” o mandato da dirección e gobernar grazas ao apoio do PP.

Insistiu en que “hai un expediente aberto” que “ten que tramitarse”. “Imos cumprir o que se establece nos nosos estatutos e dando a máxima garantía a todo o mundo. Cunha posición moi clara. Nós non coincidimos co modelo municipal do PP”, sentenciou a líder nacionalista na mesma entrevista, recollida por Europa Press.

En canto á repetición das eleccións nunha mesa electoral de Burela (Lugo), sinalou que o BNG vai facer campaña “con todo o entusiasmo” e que os resultados “serán favorables” para o devandito concello.

RESISTENCIA GALEGA

Preguntada sobre as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lamentou a “morneza” do BNG na condena de Resistencia Galega, Ana Pontón criticou esta “acusación desproporcionada” xa que “o BNG entende que a única arma que se pode usar en política é a palabra e a defensa por fins democráticos”.

“Non creo que o PP estea en condicións de darnos leccións de nada. Só faltaba que o partido condenado por corrupción agora de carnés de demócratas”, indicou a portavoz do BNG, que acusou ao PP de “distraer” para que non “se poña o foco” nos problemas “reais” de Galicia, como a situación de Alcoa, onde Feijóo “ten responsabilidades” xa que a Xunta “está desaparecida na solución”. Tamén se referiu ao “colapso” do sistema sanitario.

Por todo iso, Pontón destacou que as eleccións do 26 de maio manifestan un “gran trompazo” para o PP, o que “abre espectativa” para que en 2020 poida producirse un cambio político en Galicia. “O problema deste país é que temos un goberno que non é capaz de pór solucións aos problemas, é máis, é parte do problema”, lamentou.

GALICIA DESPOBOADA

Para Ana Pontón, “non hai unha Galicia despoblada”, senón que a Galicia “despoboárona”, ao seu xuízo, “as políticas que leva aplicando o PP estes últimos 30 anos”. Neste ámbito, lamentou a “desertización” de parte do territorio e o modelo forestal da Xunta, “que pon por diante os intereses de Ence”.

“Cada vez que escoito que hai que apoiar políticas de natalidade, iso é do século pasado, un discurso antigo, fóra da realidade. Isto non vai de darlle 100 euros aos pais. Case é un insulto pensar que a xente poida ter fillos por darlle 100 euros ao mes. Isto vai de que haxa perspectiva económica, boas condicións laborais”, destacou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...