InicioVigo e contornaCaballero esixe un plan de obra contra atascos en Rande e levantar...

Caballero esixe un plan de obra contra atascos en Rande e levantar a peaxe cando haxa retencións

"Se teñen que traballar de noite, que traballen de noite, di o alcalde de Vigo. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén pide que se quiten as peaxes cando se produzan atascos.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu a Fomento, á Xunta e a Audasa, que fagan para a ponte de Rande “un plan de obra compatible co tráfico e que prevexa e evite os atascos”; e, se non se poden evitar, que “avisen con antelación e levanten as peaxes”. Unha cuestión que, dixo, os servizos xurídicos municipais estudan “como facer para levala pola vía legal”.

Sobre as retencións ao tráfico polas obras na ponte, Caballero indicou que remitiron senllas cartas con estas reivindicacións ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna; ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e aos responsables da concesionaria.

En concreto, reclámalles “que fixen moi ben os momentos nos que van facer obras susceptibles de producir atascos”, buscando as horas de menos tránsito. “Se teñen que traballar de noite, que traballen de noite, pero as obras de máis intensidade de ocupación de carrís téñense que facer en momentos de menos tráfico”, insistiu.

Ademais, remarcou que no caso de que “non quede máis remedio” e non se poida evitar facer as obras en horas de tráfico intenso, se fagan anuncios e comunicados con antelació—e tamén na entrada da autoestrada— avisando “a todo o mundo” de que haberá dificultades de circulación. A maiores, reiterou que “se hai atasco hai que levantar as peaxes”.

Neste contexto, considerou “intolerable” que o Goberno de España “non reaccionou aínda” ante a situación. “E non digamos xa a Xunta de Galicia”, agregou, antes de manifestar que os servizos xurídicos municipais xa están a estudar como facer para levar estas cuestións “pola vía legal”.

“Non se pode tolerar o que está a suceder nesta cidade, provocando na ponte de Rande problemas de seguridade, de atascos, de tempo, de competitividade e de paciencia”, concluíu o rexedor olívico.

SILVA TAMÉN ESIXE QUITAR A PEAXE

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén defendeu que “hai que levantar a peaxe xa” nas situacións nas que haxa atasco; e reclamou que os gobernos estatal e autonómico “tomen decisións baseadas en menos bombo e menos prato, e mais decisións rigorosas e menos de cabrear á xente”.

Neste mesmo sentido, recriminou tanto ao Ministerio de Fomento como á Xunta que “pretendan pór toda a carga sobre a concesionaria”, xa que esta empresa “non foi elixida para gobernar”. “Por tanto, eles son os que teñen que tomar as decisións xa”, rematou.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

David Regades xura novamente o cargo de delegado na Zona Franca de Vigo

David Regades volveu a xurar este xoves o cargo de delegado do Estado no...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...