Os vigueses decidirán se se declaran libres de tabaco Samil e o estadio de Balaídos

O Concello de Vigo activou a consulta telemática, na súa páxina web.

Partida de xadrez en Samil / © Miguel Núñez

O Concello de Vigo activou a consulta telemática, na súa páxina web, sobre a declaración da praia de Samil e do estadio municipal de Balaídos como espazos libres de fume do tabaco.

Segundo explicou o alcalde olívico, Abel Caballero, esta enquisa pretende “pulsar” o “clima” sobre esta cuestión entre a cidadanía, nunha consulta que non ten carácter científico, pero que servirá para coñecer a opinión dos vigueses.

A consulta, que se manterá unhas tres semanas, consta de dúas preguntas: “Cres que debemos declarar Balaídos libre de fumes (non fumar dentro do estadio)?” e “Crees que debemos declarar algunhas praias libres de fumes (non fumar nos areais)?”.

“Eu xa sei o que quero facer, pero quero escoitar a cidade. Eu teño moi en conta as opinións”, engadiu o alcalde.

Abel Caballero explicou que, en base a esta consulta, se determinará declarar libre de fume de tabaco, inicialmente, a praia de Samil (aínda que non se descarta estender a prohibición a outros areais, como o de Rodas, nas Illas Cíes), e onde se habilitarían zonas con cinceiros para fumadores. A mesma medida adoptarase no estadio de Balaídos.

O rexedor precisou, no entanto, que para materializar unha prohibición (que levaría aparelladas sancións en caso de incumprimento), deberá elaborarse unha ordenanza específica. Ese trámite ten uns prazos e, por tanto, non daría tempo a que entrase en vigor este verán.