Vigo reforza a un Abel Caballero imbatible e rexeita os partidos de dereita

Caballero na estación de Urzáiz / Miguel Núñez

Abel Caballero é o alcalde imbatible, o gran referente do socialismo galego e español na política municipal. Algúns acusan a Caballero de populista e ególatra, outros compárano con Paco Vázquez cando gobernou na Coruña, mesmo hai quen di que é o mellor alcalde que tivo Vigo. O certo é que a súa maioría é máis absoluta hoxe. O PSOE arrasou nestas eleccións municipais, con arredor do 67% dos votos e 20 concelleiros, tres máis que nos comicios de 2015 (a maioría absoluta sitúase nos 16).

Con estes resultados, Caballero poderá seguir gobernando con total autonomía, reforzando o seu poder absoluto na cidade. Sumará así en 2023 dezaséis anos co bastón de mando.

A vitoria esmagadora de Caballero é aínda máis doce para os socialistas coa desfeita na oposición viguesa. Os dous partidos que tiñan representación –PP e Marea de Vigo– caen e quedan nunha situación complicada, especialmente os conservadores, que sofren unha brutal caída que os leva a mínimos históricos na cidade e déixaos caos.

Elena Muñoz, a aposta de Alberto Núñez Feijóo para Vigo, queda nunha situación de absoluta debilidade e o seu cargo queda comprometido. A candidatura que lidera fixo perder tres dos sete asentos que tiña o PP no Consistorio, pasando de sete a catro..

Marea de Vigo confirma o retroceso das chamadas candidaturas rupturistas en Galicia, tras a ruptura de En Marea a nivel autonómico e estatal. A coalición pasa de tres a dous concelleiros, perdendo a forza que se deixaron polo camiño as forzas baixo o paraugas de Podemos, en claro retroceso en Galicia e en todo o Estado.

O posto que perde Marea de Vigo gáñao o BNG, que volve ao Concello tras catro anos en branco. Os nacionalistas terán de novo representación nos plenos de Vigo, pero seguen sendo unha forza pequena e sen influencia, nunha cidade que chegou estar en posición de goberno.

Quedan fóra Ciudadanos –que aspiraba a meterse no Consistorio vigués en base a certas enquisas e apenas superou o 2% dos votos– e Vox, o partido de ultradereita, que a diferenza doutras cidades de España, non ten ningún peso político en Vigo, con pouco máis do 1%.

Con este panorama, Vigo non só reforza o poder absoluto de Caballero, senón que tamén lanza unha mensaxe clara á dereita, que queda en clara minoría ante as forzas de esquerda. PSOE, Marea de Vigo e BNG suman arredor do 80% dos votos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here