InicioPolíticaFeijóo compara a Abel Caballero con Nicolás Maduro no peche de campaña...

Feijóo compara a Abel Caballero con Nicolás Maduro no peche de campaña en Vigo

O presidente da Xunta envía unha mensaxe aos votantes vigueses do PP, en referencia ao alcalde: "Non vos deixedes insultar".

PUBLICADO O

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, apelou este venres ao voto de todos os vigueses que lle deron o apoio nas tres últimas eleccións autonómicas, e pediu que voten tamén o PP nos comicios municipais deste domingo e que non se deixen “insultar”.

Así o trasladou durante a súa intervención no mitin de peche de campaña do PP vigués, que se celebrou na Andrómena do Porto olívico, no que o líder dos ‘populares’ galegos fixo constantes referencias ao apoio que recibiu da cidade de Vigo cada vez que aspirou a ser presidente da Xunta nunhas eleccións autonómicas.

Feijóo dirixiuse expresamente a quen lle fixeron “tres veces” presidente de Galicia para pedirlles “que non se deixen insultar” por un alcalde que lles tacha de “antivigueses” pola súa decisión. “Falade libremente e votade libremente, vivide de pé, nunca de xeonllos”, proclamou, pedindo o apoio aos “vigueses menosprezados que non renden pleitesía”, aos que “non lles atemoriza que lles quiten unha subvención” ou “simplemente que non lles saúden”, porque “o voto é secreto e por aí non hai problema”.

O líder do PPdeG reivindicou o seu compromiso “desde o primeiro día” coa cidade, e pediu o apoio dos vigueses para Elena Muñoz, que “non insulta a ninguén” e representa a “humildade e a xestión”, fronte á “mentira, a soberbia e a neglixencia”.

“ABEL CABALLERO NON É VIGO”

Núñez Feijóo insistiu na súa mensaxe, xa esgrimido noutras citas electorais, de que “Abel Caballero non é Vigo”, e engadiu que, do mesmo xeito, “Maduro non é Venezuela, aínda que os dous se crean que o son”.

Tras recalcar que “a política non pode ser vaidade ou egocentrismo, senón servizo público”, apuntou que “Vigo non é o casarío dun señorito, nin un conxunto de xornaleiros que serven a un señorito”. Nesa liña, acusou o rexedor socialista de ser “só un servidor de si mesmo, que ten a palabra ‘Vigo’ para tapar as súas mentiras, neglixencias e xestión deficiente”.

Segundo subliñou, “hai dúas formas de perder as eleccións: quedar en casa e dividir o voto dos cidadáns aos que insulta Abel Caballero”, e “hai unha forma clara de gañar: unir o voto dos que non están de acordo con Abel Caballero e cren na liberdade”, e cren, entre outras cousas que “non se pode meter a cuñada, o marido, a muller e o irmán, e insultar ao que se atreve a pronuncialo”, en alusión ao caso do ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal.

O presidente do PP de Galicia eloxiou o traballo de Elena Muñoz na oposición, como a “voz da liberdade e o facho do Vigo valente”, e lembrou que “mentres uns se dedican aos shows“, a responsable do PP vigués e a Xunta dedicáronse “ás cousas para comer” e que “de verdade” preocupan aos cidadáns, como a industria, o emprego, ou a sanidade pública.

“FALSO VIGUISMO”

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía alertou contra o “falso viguismo” de quen presume de que “Vigo vai como unha moto”, que é “o alcalde da economía” ou de “a mellor política social de España”, cando, en realidade, a cidade “perde poboación e peso empresarial”, “tarda 300 días en dar unha licenza” ou ten 63.000 veciños en risco de exclusión.

“Falso viguismo é falar de emprego, cando aos únicos que lles vai ben no emprego é a familiares e amigos de concelleiros; falso viguismo é premiar a un funcionario condenado por enchufar á cuñada da tenente de alcalde; ou amordazar e ameazar a asociacións e colectivos con quitarlles subvencións se se atreven a criticar ao alcalde. Ese é o peor viguismo, o que amordaza e cala”, sentenciou.

Por todo iso, Elena Muñoz apelou á súa mensaxe de campaña, “Vigo é máis”, para pedir á xente que vote “sen medo” ao PP, para “dar un salto ao futuro en beneficio de todos”, por un Vigo “con menos impostos, cun Plan Xeral, que aposte polo comercio, polo emprendimiento e polos mozos, sen bos e malos”.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...