O BNG pide apoio para “seguir avanzando” na comarca do Morrazo “libres de corrupción”

Ana Pontón pon Moaña e Bueu como exemplos do modelo "transformador" do Bloque,

Mitin do Bloque Nacionalista Galego en Moaña / BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu “orgullo” polo traballo da formación na comarca do Morrazo, e realizou un chamamento a encher as urnas para “darlle máis forza” á formación nacionalista “para seguir avanzando”.

Durante a súa intervención nun mitin en Moaña, puxo como exemplos a este municipio e a Bueu do modelo “transformador” do BNG, con Leticia Santos e Félix Juncal á fronte, “unha alcaldesa e un alcalde que xogan na ‘champions’ da política municipal”.

“Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, exemplos de democracia participativa, capaces de sacarlle partido a cada euro, concellos feministas, sustentables, honestos e libres de corrupción”, asegurou.

Por iso e de caraá cita do 26 de maio, pediu o voto para o BNG para estender este modelo a outros municipios. “Hai que darlle máis forza ao BNG para seguir avanzando tamén nesta comarca”, sinalou, destacando o papel das mulleres, “mariscadoras, traballadoras da conserva, viúvas do mar” e “precursoras da loita pola igualdade”.

“Queremos encher os concellos de alcaldesas como Leticia Santos, así que adiante tamén Mercedes en Cangas e Lucía en Marín, adiante coas mulleres nacionalistas, feministas e alcaldesas para construír municipios máis libres para todas e para representar este tempo novo no que as mulleres deixamos claro que nin un paso atrás”, destacou.

FEIJÓO, “COMO ALMA EN PENA”

Pontón reiterou que o BNG necesita “impulsar a remontada” constatada nas Xerais, falando “con todas as persoas” para explicarlles o “modelo transformador do Bloque” e que os municipios nos que goberna “convértense en referentes de calidade de vida”. “Mobilicémonos e seremos imparables”, insistiu.

Tamén advertiu de que os votos ao BNG “terán un valor enorme” para, “en poucos meses máis, darlle a liquidación a Feijóo no Goberno da Xunta”, a quen augura un segundo “trompazo” nas municipais tras quedar “tocado” nas xerais.

“Anda como alma en pena, de mitin en mitin, pedindo por favor que se concentre o voto da dereita do PP, ‘disque’ para trasladar aos municipios o modelo de rigor e de crecemento da Xunta”, ironizou, para denunciar que o PP “mandou á emigración a 200.000 mozos en dez anos de goberno”.