A triste confesión duns fillos que denuncian aos seus pais: “Habitualmente están ebrios e peléxanse”

Nenos xogando /Miguel Nuñez

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de idade, F.C.Q., e á súa parella, de 42 anos, M.M.P.P., por agredirse mutuamente durante unha discusión no seu domicilio da cidade olívica.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na noite deste martes, cando o 092 recibiu a chamada dunha muller asustada, que explicou que golpeara á súa parella e que temía que el falecese.

Unha dotación desprazouse ata o domicilio, na rúa Xílgaro, e pesar da insistencia chamando á porta, ninguén a abriu. Por iso, e debido a que se escoitaban golpes e berros de auxilio, os axentes extraeron a mirilla da porta e puideron ver unha parede e uns cristais cubertos de sangue.

Ante a aparente gravidade dos feitos, os policías romperon a porta e entraron na vivenda, onde atoparon a un home que se achegou a eles sangrando pola cabeza, e a unha muller chorando e en estado de nerviosismo.

DISCUSIÓN

A muller explicou que mantivera unha discusión coa súa parella porque ela mercou un bañador, e que o home, de forma repentina, propinoulle unha puñada na mandíbula e, posteriormente, suxeitáraa coa intención de tirala polo balcón. Nese instante, ela golpeoulle na cabeza cunha botella, deixándoo inconsciente, momento en que se asustou e chamou á Policía, crendo que estaba morto.

Aínda que o home non quixo achegar a súa versión dos feitos, si o fixeron os fillos da parella, menores de idade, que estaban nun parque próximo sós, xogando. Os nenos explicaron aos policías que as pelexas entre os seus proxenitores eran frecuentes, e que habitualmente están ebrios, e consumen drogas.

Segundo relataron, ese mesmo día, a súa nai dixéralles que, ao chegar a casa, ía romperlle unha botella na cabeza ao seu pai; e tamén lembraron que, noutra ocasión pasada, a súa nai tentara afogar ao seu pai no pilón da casa. Os pais dos nenos foron detidos, mentres que os menores foron deixados ao coidado duns familiares.