Críticas ao peche de máis dun 20% das camas da área sanitaria de Vigo en verán cando hai listas de espera

Hospital Álvaro Cunqueiro / © Miguel Nuñez

Comisións Obreiras (CC.OO.) criticou que este verán se vaian pechar “máis dun 20%” das camas da área sanitaria de Vigo a pesar de que é nesta zona na que se rexistran “as maiores listas de espera de Galicia“.

O sindicato resaltou que o número de camas que se pecharán en agosto ascende a 260 e concretou que 190 delas están no Hospital Meixoeiro, o que supón un 60 por cento do total deste centro.

Por esta razón, acusou á Consellería de Sanidade de converter en “papel mollado” as súas promesas respecto da conversión do Hospital Meixoeiro nun “gran centro” e asegurou que o peche de camas pon de manifesto o “nulo” interese en reducir as listas de espera.

Ademais, sinalou que un estudo realizado por este sindicato hai cinco anos demostrou que, con todos os recursos en funcionamento e unha contratación de profesionais para a quenda de tarde durante os meses de verán, poderíanse reducir as listas de espera “en 4.680 pacientes”.

Así, afirmou que as cifras son “similares” polo que remarcou a necesidade de pór en marcha un plan que dea resposta a estas necesidades, en lugar de apostar polas derivacións de pacientes a centros privados.