Proposta do PP vigués para crear un fondo de atención a persoas en situación urxente

A candidata popular á alcaldía, Elena Muñoz, criticou que o tempo medio de tramitación das rendas de inserción no municipio ascenda a seis meses.

Elena Muñoz. EUROPA PRESS - Arquivo

A candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, apostou pola creación dun “fondo local de asistencia” para dar resposta ás necesidades de persoas en situacións urxentes de carácter social mentres non reciben a Renda de Integración Social da Xunta (Risga).

Así, reivindicou a importancia desta acción na cidade e incluíuna no seu programa electoral de face aos comicios municipais. Neste sentido, apuntou que, en Vigo, se rexistran “dous desafiuzamentos diarios”.

Ademais, criticou que o tempo medio de tramitación das rendas de inserción no municipio, que despois son trasladadas á Xunta para a súa concesión, ascenda a seis meses. Ante esta situación, comprometeuse a reducir este proceso a un mes mediante a duplicación do número de traballadores sociais do Concello.