InicioVigo e contornaVigoA 'vella' Pescanova recorre a sentenza que validou a ampliación de capital...

A ‘vella’ Pescanova recorre a sentenza que validou a ampliación de capital de Nova Pescanova

O tribunal lembrou que a 'vella' Pescanova non puxo "queixa nin reserva" á aprobación das contas anuais de 2015 e 2016; que non impugnou o acordo de refinanciamento, que foi logo "homologado" xudicialmente.

PUBLICADO O

A ‘vella’ Pescanova confirmou a presentación dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra que desestimou outro recurso anterior e validou a ampliación de capital de Nova Pescanova.

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que desestimou o recurso de apelación interposto pola ‘vella’ Pescanova, contra a sentenza do Xulgado Mercantil que validou a ampliación de capital da pesqueira e outros acordos.

En xuño de 2018, o Xulgado Mercantil número 1 de Pontevedra resolveu rexeitar a demanda da ‘vella’ Pescanova, que impugnaba a ampliación de capital aprobada na xunta xeral de accionistas do 19 de abril de 2017, e outros acordos sociais de Nova Pescanova.

Os demandantes pedían que se declarase a nulidade da ampliación de capital, por 135,4 millóns de euros, unha ampliación que diluíu a súa participación en Nova Pescanova ata reducila ao 1,65% (desde o 20%anterior á ampliación). Así mesmo, sostiñan que esta operación non respondía a un “interese real”, senón que a súa intención era precisamente minimizar o seu peso na sociedade.

Contra esa sentenza, a sociedade de carteira presentou recurso de apelación, pero o tribunal provincial rexeitouno, sinalando que non se pode probar que Nova Pescanova xerase “artificialmente” unha situación financeira crítica, senón que, en efecto, o escenario de patrimonio “negativo” da sociedade a 31 de decembro de 2016 –estaba incursa en causa legal de disolución– obrigou á adopción desas medidas de refinanciamento.

A ese respecto, o tribunal lembrou que a ‘vella’ Pescanova non puxo “queixa nin reserva” á aprobación das contas anuais de 2015 e 2016 –aínda que se abstivo na votación–; que non impugnou o acordo de refinanciamento, que foi logo “homologado” xudicialmente; e que tampouco foi privada do dereito de subscrición preferente na ampliación de capital, xa que se lle ofreceu a posibilidade de adherirse ao acordo de refinanciamento de decembro de 2016 e rexeitouno, alegando que implicaba “aceptar un sacrificio patrimonial inaceptable”.

Pescanova S.A. cualificou no seu día esta sentenza como “lesiva”, xa que desestimaba “integramente” todas as súas pretensións, e presentou agora recurso de casación ante o Supremo.

ÚLTIMAS

Tres detidos en Vigo por presunta vinculación cun atraco bancario

Polo menos tres persoas foron detidas na mañá deste martes en Vigo pola súa...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Rescatan un bebe que quedou pechado nun vehículo

Os Bombeiros de Vigo tiveron que rescatar na mañá deste martes a un bebé...