Detido un vigués por un suposto delito de malos tratos e un intento de homicidio contra a súa parella

A muller foi trasladada ao hospital e o seu fillo detallou aos policías que espertou cando oiu os berros da súa nai ao ser agredida polo home que, supostamente, fuxira tras os feitos.

Coche da Policía Nacional.

Un home de 60 anos residente en Vigo foi detido por un suposto delito de malos tratos e un intento de homicidio perpetrados contra a súa parella, unha muller de 40 anos, nunha vivenda na que se atopaba o fillo menor de idade da vítima.

Segundo detallou a Policía Nacional, os feitos dos que se acusa a este home tiveron lugar este martes ao redor das 6,10 horas na rúa viguesa Numancia onde, supostamente, el causou graves lesións na cabeza á vítima. Os axentes, que foran contactados por un particular, desprazáronse ata o domicilio, no que atoparon á vítima no chan e, ao seu lado, ao seu fillo de once anos.

Posteriormente, a muller foi trasladada ao hospital e o seu fillo detallou aos policías que se espertou ao escoitar os berros da súa nai ao ser agredida polo home que, supostamente, fuxira tras os feitos.

Tras trasladar ao menor xunto a unha coñecida da vítima e proceder á custodia desta no hospital, contactouse con distintos corpos policiais e da Garda Civil.

Este mércores ás 10,00 horas localizouse en Ourense o vehículo no que fuxira o presunto agresor, polo que se estableceu un dispositivo de vixilancia na zona con unidades de paisano da Policía Xudicial. Posteriormente, ao redor das 13,00 horas, un vixiante de seguridade da estación de tren contactou coa Comisaría de Ourense e notificou que o individuo se atopaba nese lugar.

Finalmente, os axentes desprazáronse ata a estación, detiveron ao presunto agresor e trasladárono ao xulgado de garda da cidade. Ademais, as actuacións puxéronse en coñecemento do xulgado de garda da cidade das Burgas e do Xulgado de Violencia Sobre a Muller número 1 de Vigo.