Marea de Vigo e PP denuncian a baixa execución do orzamento municipal, pouco máis do 3 %

Rubén Pérez di que o 2019 será "o ano da maior inexecución orzamentaria" e Elena Muñoz contrapón a "incapacidade" de xestión coa eficacia á hora de "recadar".

Plano xeral do pleno / Miguel Núñez

O grupo municipal Marea de Vigo e o grupo do PP denunciaron este martes a baixa execución do orzamento municipal que, ao peche do primeiro trimestre do ano, apenas alcanzou o 3 por cento, é dicir, algo máis dun millón de euros, dos 59 millóns de investimento previstos para todo o exercicio.

Nunha rolda de prensa, o portavoz de Marea, Rubén Pérez Correa, denunciou que, “se seguen así as cousas”, o 2019 será “o ano da maior inexecución orzamentaria“, porque é ano electoral.

A ese respecto, lembrou que as novas corporacións municipais –que saian dos comicios locais de finais de maio– non quedarán constituídas ata xuño, e que a licitación pública “vai ser difícil” e terá que concentrarse na segunda metade do ano.

“Todo por xogar cos tempos electorais, e por deixalo todo, e non facer nada nos 4 anos de mandato”, sinalou Pérez Correa quen, por outra banda, lamentou que a promesa da reinversión do superávit negociada co Goberno de España quedou “en papel mollado” coa convocatoria de eleccións xerais.

GOBERNO “INCAPAZ DE XESTIONAR”

Pola súa banda, Elena Muñoz, sinalou que estas cifras de execución demostran que “cando hai que pasar das palabras aos feitos, vese que o goberno foi incapaz de xestionar de formar eficaz“.

Ademais, Elena Muñoz lembrou que a metade do investimento previsto para 2019 xa procedía de exercicios anteriores, nos que tampouco se executou, e que van pasando de ano a ano “en orzamentos de curta e pega”.

“Ao goberno impórtalle máis recadar que devolver aos vigueses o que tiveron que pagar en impostos (…); ata agora, o que houbo é moito anuncio, moita foto e moita festa, pero moi pouca concreción e pouca mellora dos servizos”, sentenciou.