Detidos tres mozos de Vigo que daban o ‘cambiazo’ ás fechaduras de vivendas para entrar a roubar

Policías en Vigo / CNP

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a tres novos veciños da cidade, de 17, 18 e 21 anos de idade respectivamente, como presuntos autores dun delito de roubo con forza nunha vivenda.

Os feitos ocorreron, segundo informaron fontes policiais, no barrio vigués de Navia. Un veciño que regresaba á súa casa descubriu que a fechadura fora forzada, que a porta estaba aberta e que o interior do domicilio estaba todo revolto.

Mentres chamaba á Policía, dous mozos saíron dunha das habitacións e botaron a correr escaleiras abaixo. O dono da vivenda baixou no ascensor e chegou a ver como os dous presuntos ladróns saían pola porta do edificio ao exterior, onde xa estaba unha patrulla da Policía.

Os dous mozos foron interceptados por axentes policiais, mentres que o terceiro, que se atopaba oculto nunha das estancias da vivenda, foi descuberto minutos despois por outra dotación de Policía, que acudiu a comprobar o interior do domicilio.

Os axentes descubriron que usaban uns artesfactos para substituír as fechaduras orixinais cando os moradores das vivendas se ausentan para algunha xestión ou compra rápida. Cando as vítimas se van de casa por períodos máis prolongados, os ladróns aproveitan para volver e acceder ao interior das vivendas de forma fácil e con tempo para desvalixalas.

Os detidos foron trasladados a Comisaría, onde se comprobou que contaban con antecedentes policiais. Os maiores de idade pasaron a disposición do xulgado de garda de Vigo, mentres que, con respecto ao menor, se puxo a súa situación en coñecemento da Fiscalía de Menores de Pontevedra.