A profesora Ana María Mejías, nova fichaxe para a lista que encabezará Abel Caballero

Ana María Mejías con Abel Caballero / Cadena Ser

A agrupación socialista de Vigo confirmou este mércores que a profesora Ana María Mejías será candidata ás eleccións municipais na lista que encabezará Abel Caballero.

Aínda que, polo momento, non se aprobou en asemblea a lista que presentarán os socialistas vigueses nos comicios locais de maio, o partido xa adiantou a presenza na candidatura desta profesora da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.

Ademais da súa experiencia académica, Mejías é investigadora e participou en varios proxectos de I+D+i, ademais de ser coautora de diversas publicacións en revistas do ámbito científico-académico. Así mesmo, coordinou como titora o proxecto Fórmula Student, que conta con respaldo do Consorcio de Zona Franca de Vigo, de cuxo pleno é vocal.

O PSOE vigués non confirmou en que posto da candidatura estará Ana María Mejías e, de feito, tampouco é oficial o nome dos que, xunto a ela e á cabeza de lista, Abel Caballero, conformarán o resto da lista.

No entanto, é previsible que, entre os candidatos, estea o deputado autonómico Abel Losada (que xa foi concelleiro en Vigo), tendo en conta que un deputado por Pontevedra debería deixar o seu escano para permitir o ‘desembarco’ do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na Cámara autonómica.