Concello, Xunta e Estado unen forzas para mellorar o abastecemento de auga en Vigo

Caballero responsabiliza á Xunta de posibles problemas de abastecemento por non facer a condución de emerxencia.

Encontro entre Alberto Núñez Feijóo e Abel Caballero en Vigo / © Miguel Núñez.

A Xunta de Goberno local de Vigo aprobou este venres o proxecto de convenio que o Concello olívico asinará co Goberno de España e coa Xunta de Galicia para elaborar un estudo sobre a solución definitiva aos problemas de abastecemento de auga na cidade e a súa área.

Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, nunha rolda de prensa na que lembrou que o custo deste estudo é duns 200.000 euros, financiado a partes iguais polo tres administracións. O convenio terá vixencia ata 2021 e contará cunha comisión técnica e unha de seguimento, e o estudo será licitado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Con respecto á tramitación, o rexedor olívico apuntou que o Goberno xa conta con informes da Avogacía do Estado, da Secretaría Xeral do Ministerio de Transición Ecolóxica, e da Secretaría de Facenda, polo que está pendente só dun informe do Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

Por outra banda, con respecto ao financiamento do estudo, precisou que, ao non aprobarse os Orzamentos Xerais, e estar as contas prorrogadas, hai que aprobar “un calendario de convenios”, pero descartou que esta eventualidade vaia a supor un atraso determinante.

O alcalde de Vigo, tras mostrarse “encantado” porque “o problema máis importante” da cidade está en vías de solución “grazas ao Goberno de Pedro Sánchez”, lamentou, no entanto, que o presidente da Xunta “segue atacando” a Vigo.

“Calquera problema de abastecemento de auga é responsabilidade da Xunta, que tiña que facer unha acometida de emerxencia e non deu nin un só paso”, proclamou Abel Caballero, quen insistiu en que a área viguesa ten un “problema de cantidade” de auga, pero “non de calidade”, xa que esta é “magnífica”.

Por outra banda, con respecto á renovación da potabilizadora, lembrou que a presa de Eiras, “que é de Vigo”, abastece tamén a outros 9 concellos e que, no caso de cinco deles (Cangas, Moaña, Redondela, Mos e Gondomar), a auga fornecida é tamén potabilizada.

A ese respecto, recalcou que calquera actuación na potabilizadora tería que contar con participación da Xunta, porque é un servizo “supramunicipal”, pero “outra vez Feijóo quere que Vigo o pague todo”. “Se a presa de Eiras só dese auga a Vigo, teriamos o problema resolto para todo o século XXI”, sentenciou.