Carlos Blanco premiado co Pedigree 2019 do Festival de Cans

Comparte recoñecemento coa actriz e presentadora Nieves Rodríguez e coa xornalista Pilar Comesaña.

O Festival de Cans outorga ao actor Carlos Branco o seu Premio Pedigree 2019. FESTIVAL DE CANS

A asociación Arela, organizadora do Festival de Cans, anunciou este mércores a concesión do seu Premio Pedigree 2019 ao actor Carlos Branco, así como os recoñecementos á actriz e presentadora Nieves Rodríguez (‘Chimpín de Prata’ Premio Pepe Puime), e á xornalista Pilar Comesaña (‘Chimpín de Prata’ Premio Divina Campos).

Todos eles recollerán os seus galardóns no Torreiro de Cans, a noite do 24 de maio, durante a celebración do festival, que terá lugar entre o 22 e o 25 de maio en Cans, O Porriño (Pontevedra).

A organización quixo así premiar a traxectoria de case tres décadas de Carlos Blanco, recoñecer a súa “disposición” a traballar con novos creadores e o seu “labor” como “cidadán crítico e persoa comprometida coa sociedade”.

Este actor compartirá espazo no chamado ‘Torreiro das Estrelas’ con personalidades como Antón Reixa, Antonio Durán ‘Morris’, Mabel Rivera, Javier Gutiérrez, Luís Tosar, María Pujalte ou Chelo Loureiro.

Por outra banda, ademais dos ‘chimpíns’ de prata, o Festival de Cans renderá homenaxe un ano máis aos veciños desta parroquia, anfitrións do certame. Nesta ocasión, recoñecerase a Paz Acuña e Rafa González, cuxa casa acolle aos invitados no día grande do festival e que é o punto de partida da procesión de ‘chimpíns’ en cada edición.