InicioSociedadeO PP critica que concedan a Medalla de Vigo á Zona Franca...

O PP critica que concedan a Medalla de Vigo á Zona Franca este ano e non en 2018, cando foi o seu 70º aniversario

Pola súa banda, Marea de Vigo pide que as propostas saian dos veciños e as seleccione un xurado.

PUBLICADO O

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este xoves o “uso político e electoral” que, ao seu xuízo, fai o alcalde, Abel Caballero, das distincións de Vigueses Distinguidos e da Medalla da Cidade.

Nunha rolda de prensa, o concelleiro do PP Miguel Fidalgo criticou que o rexedor use esas distincións para “dividir” aos vigueses, en lugar de “unilos”, e como unha “ferramenta para facer campaña electoral”. “É penoso e triste, e o PP non vai consentir que o alcalde tente dar carnés de vigueses bos e vigueses malos”, sentenciou.

A ese respecto, referiuse a as “formas” da proposta do goberno local de recoñecer como Vigueses Distinguidos aos xefes de Atención Primaria que presentaron a súa dimisión ou á asociación Radio Taxi.

Fidalgo sinalou que o PP mantén a súa idea de que o premio sexa para todos os profesionais sanitarios da área de Vigo, “porque llo merecen todos, os que se manifestan e os que non, os que protestan e os que non”. Así mesmo, en alusión ao colectivo de taxistas, reprochou a Caballero que queira premiar só a unha das asociacións.

En canto á Medalla da cidade, que o goberno local quere outorgar á Zona Franca, Fidalgo ironizou sobre o feito de que o alcalde “a dará cunha man e a recollerá coa outra”, dado que fai gala de ser o presidente do pleno deste organismo.

Ademais, lembrou que o PP xa propuxo o ano pasado dar a Medalla de Vigo a Zona Franca, coincidindo co seu 70 aniversario. “Pero non, tiña que ser este ano”, apuntou, en alusión ao cambio na delegación do organismo, que agora ostenta o socialista David Regades.

Pola súa banda, o portavoz de Marea, Rubén Pérez, avogou por “cambiar radicalmente” o sistema de nomeamento dos galardoados, e volveu a propo que se designe un xurado e que este decida os premios tras recibir propostas da cidadanía.

“Non pode ser unha elección de partidos políticos”, proclamou, e recoñeceu que, co actual sistema, as formacións propoñen con “criterio ideolóxico”, que “pode ser compartido ou non”.

Tamén o BNG (que non ten representación na Corporación) criticou a concesión da Medalla a Zona Franca, un xesto de Abel Caballero que interpretan como a “entronización” do seu “pupilo político” David Regades.

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, precisou este xoves en rolda de prensa que a súa proposta de recoñecer ao persoal sanitario abarca a todos os profesionais, “pero o premio recollerano os 22 dimisionarios” polo seu xesto “certamente extraordinario”.

Con respecto aos taxistas, o rexedor tamén asegurou que o recoñecemento é para todo o colectivo, pero se singulariza na cooperativa de Radio Taxi por ser a “asociación maioritaria” e a que “está a traballar de forma máis decidida”.

Este venres celebrarase o pleno extraordinario no que se aprobarán as candidaturas a vigueses distinguidos. Así, o goberno local propón a Óscar Villar (director da Coral Casabranca), os ex xefes de Atención Primaria, a Central de Radio Taxi, e ex aequo, a banda de gaitas Xarabal, a asociación veciñal Emilio Crespo de Navia, e a organización das Festas da Consolación de Coia.

Marea, pola súa banda, propuxo ao pintor Diego Giráldez, e o PP mantén a súa formulación de que se recoñeza a todos os traballadores sanitarios da área.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...